A enfermeira escolar, a debate na educación e na Atención Primaria

Un enfermeiro ofrece consellos básicos para salvar unha parada cardiorrespiratoria (Europa Press).
'A enfermeira escolar: un debate inaprazábel' é o título dunha sesión de traballo que organiza esta terza feira, 29 de setembro, o  Colexio Oficial de Enfermaría da Coruña en Compostela.

O Colexio Oficial de Enfermaría da Coruña organiza unha xornada de traballo arredor da figura da enfermeira escolar. Unha profesional da saúde que a Covid-19 volveu poñer no punto de mira e cuxa ausencia da maioría dos centros educativos motivou a creación dunha plataforma estatal que reivindica "un modelo de consenso entre Sanidade e Educación", que facilite a súa presencia dentro da comunidade escolar.

Promoción da saúde

'A enfermeira escolar: un debate inaprazábel' é o título da sesión na que vai participar Ángeles Sánchez, presidenta da Asociación Galega de Enfermaría e Saúde Escolar e enfermeira do colexio Santa María do Mar da Coruña. "Cheguei no ano 97 e desde entón atendo o labor asistencial, de accidentes, programa agudos ou enfermidades crónicas; mais o piar fundamental da enfermaría escolar é a promoción da saúde e a prevención da enfermidade", explica en declaracións a Nós Diario, mediante a adquisición de hábitos saudábeis e a prevención de condutas nocivas. Un traballo que desenvolve en coordinación co equipo directivo e o persoal docente e a colaboración dos servizos de Atención Primaria e de medicina especialidade da área sanitaria. "Cada ano formamos o profesorado e o alumado, en ocasións, coa axuda do 061, de Urxencias do CHUAC, ou a unidade de Trauma do hospital infantil".

Non é eficiente crear una rede de enfermeiras escolares independente, desvinculada da Atención Primaria.

Sánchez defende que a enfermeira escolar é unha necesidade en todos os colexios. "Non só pola pandemia que vivimos agora, senón porque hai nenos e nenas con patoloxías crónicas que requiren un control minucioso". Ademais, incide, "estamos sempre formando o alumando. Agora, coa pandemia o traballo é máis intenso. Levamos meses elaborando os protocolos que se están aplicando, para os que se precisan coñecementos sanitarios, co fin de levalos a cabo da mellor maneira posíbel".

Sánchez é autoridade sanitaria en materia de Covid-19 no seu centro a canda o equipo directivo, unha función que a Plataforma Estatal da Enfermeira Escolar reclama para este perfil en todos os centros. Neste sentido, xa trasladou á Fiscalía de Menores a situación "de grave risco" que sofre o alumnado nos centros educativos debido ao desinterese das distintas Administracións públicas de dotar as aulas cunha especialista. Na Galiza, non superan a ducia, asegura Sánchez, en centros privados-concertados e de atención á diversidade.

Saúde escolar integrada

Desde a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria defenden que non é eficiente crear una rede de enfermeiras escolares independente, desvinculada da Atención Primaria, polo que insisten en reforzar o servizo para "gañar capacidade e asumir o programa de saúde escolar", como facían no inicios dos anos 90.

"A educación para a saúde no ámbito escolar non ten que recaer só en persoal sanitario. O profesorado é un axente de saúde moi importante", por iso avogan por participar en entes colexiados, multidisciplinares, coñecedores da realidade social e escolar, capaces de traballar de forma coordinada "no marco dunha estratexia global de saúde pública, válida para atallar a Covid-19 mais tamén outros desafíos urxentes como pode ser a obesidade infantil, con 45% de prevalencia na Galiza", afirma o presidente Álvaro Carrera.