A enfermaría plántase fronte a inxerencia das farmacias na Atención Primaria

Usuarias dunha farmacia esperan para seren atendidas (Arxina).
O Sergas quere ampliar o labor asistencial destas oficinas para alixeirar a carga e reducir as visitas aos centros de saúde

O Sindicato de Enfermería Satse amosa o seu "total rexeitamento" ás últimas declaracións do Conselleiro de Sanidade, Julio García  Comesaña, ─no transcurso dun acto organizado pola Asociación Española de Dereito Farmacéutico en Madrid─ nas que sinalou que as farmacias poderían descargar traballo a un servizo público, como é a Atención Primaria, en aspectos relacionados coa cronicidade, ao ter acceso á historia clínica dos pacientes.   

Nun comunicado dirixido aos medios, Satse Galiza, censura a proposta do Goberno galego de que oficinas privadas como as farmacias "poidan ser a solución ao colapso da Atención Primaria". Para o sindicato, esta solución respondería "única e exclusivamente ao interese do Sergas por desmantelar un servizo público que ofrece a mellor atención, pero que necesita un investimento que a Xunta non está disposta a dar".

Esenciais durante a pandemia

Satse defende o traballo e as competencias actuais das profesionais de enfermaría de Atención Primaria, "preparadas e formadas" para este servizo. Con todo, apunta unha carencia de recursos que lastra a calidade asistencial. 

"É necesario incrementar o número de enfermeiras, así como o investimento en material e melloras dos centros de saúde, para que a Atención Primaria continúe sendo a primeira barreira de contención, como foi até agora", ademais dunha peza chave na prevención e promoción da saúde. 

Durante a pandemia, as farmacias asumiron novas funcións, algunhas compartidas cos servizos públicos de saúde: realizaron tests de antíxenos, entregaron certificados Covid, repartiron máscaras e medicamentos a domicilio e apoiaron o labor de vixilancia epidemiolóxica. "As oficinas de farmacia foron unha extensión do sistema sanitario", afirmou.

Segundo adiantou García Comesaña, neste priemiro trimestre do ano poderán subministrar os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos aos pacientes. 

En detrimento da sanidade pública

O sindicato de enfermaría alerta dun novo intento por parte da Consellaría de dotar as farmacias de máis competencias. "O Sergas insiste en dar réditos a estas oficinas comerciais privadas, en detrimento de a sanidade pública, sen ningún sentido, pois os servizos que pretenden ofrecer xa os ten o cidadán de maneira gratuíta na Atención Primaria”, insiste.  

Neste sentido, Satse critica que a Sanidade queira beneficiar ás oficinas privadas de farmacia á hora de realizar determinadas actuacións asistenciais como as tomas de tensión, que poden e deben realizarse nos centros públicos a cargo dos profesionais sanitarios competentes e perfectamente habilitados e cualificados para facelo, segundo establece a normativa actual, destinando para iso os recursos e medios necesarios en persoal e material sanitario.

"En lugar de reforzar os centros de saúde con persoal e material sanitario para desconxestionar e alixeirar a carga de traballo na Atención Primaria de maneira gratuíta e con todas as garantías de saúde e seguridade, o Sergas opta por permitir que as oficinas de farmacia asuman cada vez máis funcións que non lle corresponden, o que, ademais de implicar riscos, suporalle á persoa un custo". Os empresarios das farmacias cobrarán unha cantidade e, ademais, recibirán unha contraprestación económica polo seu servizo", conclúe.