Endesa pretende plantar no Eume 543 hectáreas de eucalipto

Zona do proxecto de plantación de eucalipto de Endesa. (Foto: Adega)
Proxecto a carón da balsa mineira das Pontes.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) denunciou esta terza feira que Endesa quere desenvolver unha plantación de 543 hectáreas de Eucalyptus nitens na conca do río Eume, cando hai menos dun mes Augas da Galiza facía unha proposta de sanción de dous millóns de euros a Endesa por “infraccións moi graves” na xestión do encoro da Capela, no mesmo río, que obrigou a prohibir durante dez días en 2020 o consumo de auga da billa en Pontecesures. 

Adega, despois de analizar a memoria ambiental do plantío, acusa Endesa de intentar vender esta explotación forestal como a solución ao teórico risco de lume de zonas de matogueira perto da balsa mineira das Pontes.

Mais,  entende, esquece que este hábitat cumpre “unha importante función ecosistémica como reguladores do ciclo hídrico, fixadores de carbono e acubillo dunha variada e sensíbel biodiversidade”, sinala a entidade.

En cambio, as plantacións forestais de especies exóticas invasoras como o eucalipto nitens son “perigosas para os ecosistemas forestais e semi-naturais”, segundo o ditame do Comité Científico Español de Flora e Fauna Silvestres, amais de contar cunha menor diversidade e un elevado consumo de auga.

Diante do suposto risco de delincuencia incendiaria que sostén Endesa de non plantar os eucaliptos, Adega lémbralle que estes casos non se relacionan coa cobertura vexetal, como indican distintos informes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, “e si con outros factores de índole socioeconómica, nos que, por certo, a constante presión das empresas forestais por ocupar cada vez máis territorio ten moito a ver”.

Ademais, a asociación ecoloxista cuestiona que no proxecto, Endesa recoñece que haberá un castro e 19 mámoas afectadas pola plantación, que "podería ser considerada como unha zona arqueolóxica dada a importante concentración de xacementos presentes", salienta, así como teselas do eucaliptal que entrarán en hábitats de interese europeo e prioritarios.

Na memoria, a promotora destaca que non se detectaron especies ameazadas ou en risco. Malia iso, Adega explicou que o traballo de investigación desenvolto permitiulles confirmar que na zona da plantación hai tres anfibios e tres aves que sofren distintos niveis de ameaza, sobre todo a tartaraña cincenta (Circus pygargus).