Os encoros de Cecebre e Baiona, en especial vixilancia após baixaren dos niveis de 2022

Encoro de Cecebre, en Cambre. (Foto: Nós Diario)
O encoro de Cecebre sitúase en 73,2% da súa ocupación, o que supón 18,4% menos que o ano pasado. Mentres, o de Baiona está a 84%, case un punto menos que un ano antes.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, afirmou esta sexta feira de que o país afronta o verán sen risco de seca ante o grao de reservas hídricas existentes. Mais a Xunta mantén, con todo, baixo especial vixilancia os encoros de Cecebre, en Cambre, que abastece a área da Coruña, e Baiona (comarca de Vigo), ao atopárense en niveis inferiores aos de 2022.

En concreto, o encoro de Cecebre sitúase en 73,2% da súa ocupación, o que supón 18,4% menos que o ano pasado. Mentres, o de Baiona está a 84%, case un punto menos que un ano antes.

En declaracións á prensa con motivo do Consello Reitor de Augas da Galiza, Ethel Vázquez precisou que "hai dous encoros que son os que máis preocupan en Galiza-Costa", malia que en ambos os sistemas hai "plans alternativos" para a subministración: en Cecebre, pola auga do lago das Encrobas, mentres o de Baiona está conectado ao encoro de Zamáns (Vigo) —que ocupa un volume de case do 95%—.

Para un maior control, o Goberno galego procederá a avaliar os indicadores e a facer seguimento cada 15 días. Aliás, insta os municipios a que "adopten medidas preventivas", á vez que empraza aos cidadáns a realizar un consumo responsable da auga. No seu conxunto, os encoros da conca galega están a 89%, o que supón catro puntos menos que o ano pasado por estas datas.

"Mellores perspectivas" para o verán

Igualmente, a Xunta apunta ás "mellores perspectivas" en Galiza-Costa coas que se afronta o verán fronte ao "complicado" período estival do ano pasado. En 2022 viviuse unha seca prolongada que non foi paliada até un final de ano con valores de precipitacións arredor de 60% superiores á serie histórica. Aínda que "non hai preocupación", Vázquez chama a "estar atentos".

Neste 2023, as choivas foron en xuño moi superiores aos valores habituais, é dicir, 105% máis que a media entre 1981 e 2010. Ademais, prevese que xullo feche con cifras normais ou superiores á media.