Presión mediática desde Madrid para que Ence continúe na ría de Pontevedra

Factoría de Ence en Lourizán. (Foto: Nós Diario)
A patronal e a Xunta intensifican o seu apoio á pasteira cando resta un día para que o Supremo dirima o seu futuro.

Sete anos despois de que o Goberno —en funcións— de Mariano Raxoi acordase prorrogar até o ano 2073 a concesión de Ence na ría de Pontevedra —no dominio público marítimo-terrestre—, decisión que lle custou ao ex presidente a designación de persoa 'non grata' na cidade do Lérez, o Tribunal Supremo ten nas súas mans o futuro da compañía de celulosa. Os maxistrados reuniranse esta terza feira para debater os recursos de casación presentados pola propia pasteira, o comité de empresa e entidades como a Autoridade Portuaria de Marín contra as tres sentenzas da Audiencia Nacional que anulaban dita prórroga.

Todas as olladas están postas sobre unha deliberación transcendental para a cidadanía pontevedresa, as persoas traballadoras e o medio ambiente, e non tardaron en chegar as presións para que o Supremo contradiga a Audiencia Nacional e tombe o seu veredicto.

A pasada sexta feira o secretario da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), José Manuel Maceira; a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez; o director do Porto de Marín, Miguel Navarro; a deputada do PP e presidenta do Pontevedra CF, Lupe Murillo, e mais representantes da patronal madeireira, así como persoal de Ence e integrantes do comité de empresa, realizaron unha comparecencia conxunta na que erixiron a pasteira como "unha empresa tractora" para o país.

De forma paralela, o presidente da patronal española, Antonio Garamendi, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, explicitaron nun almorzo-coloquio en Compostela o seu apoio á continuidade da factoría en Lourizán. Conde acusou o Goberno español de "provocar" esta situación e atribuíulle a "intención" de "expulsar Ence da Galiza". Tamén o secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, dixo estar "esperanzado de que o Supremo sexa consciente da importancia do emprego".

E a presión mediática en favor da pasteira segue a chegar estes días con forza desde Madrid. Xornais como El País, El Mundo ou El Economista poñen o foco nos intereses da empresa alertando do medio milleiro de empregos dependentes de Ence, no seu peso no PIB de Pontevedra ou nas consecuencias para o sector forestal.

Mais obvian, por outra parte, as perdas económicas e produtivas que sofre o sector primario na ría de Pontevedra por mor do impacto ambiental da factoría, así como as consecuencias no monte derivadas do monocultivo de eucalipto que promove.

"A ría de Pontevedra tiña un futuro baseado na explotación racional dos recursos, pero tamén no turismo ben entendido e no lecer. A calidade de vida e a economía da bisbarra mellorarán moito, mesmo en postos de traballo, en comparación á época de Ence. Ese é o futuro que queremos, que permite mesmo recuperar a zona que foi reenchida e roubada ao mar", apuntaba nunha entrevista con Nós Diario o presidente da Asociaicón pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa.