ENCE defende o eucalipto en plena vaga de lumes: “A mellor alternativa para combater o abandono e os incendios forestais"

eucaliptos

Afirma que os incendios son practicamente inexistentes alí onde se concentran as maiores superficies desta especie en Galiza.

O eucalipto volve, máis un ano e da man da vaga de incendios, a ser sinalado como un dos motivos que están nos lumes que azoutan Galiza todos os veráns. Unha especie piófita, que se estendeu rapidamente polos montes galegos netsas décadas, e que axiña se recupera (igual que toxos e xestas, tamén sinalados como 'combustíbeis') nun terreo arrasado polas lapas, fronte a outras especies que non teñen capacidade de rexeneración.

Ao eucalipto sáelle un valedor, Ence, a pasteira que ten nesta especie un alicerce da súa actividade e á que colectivos ambientalistas sitúan como unha importante responsábel da estensión do eucalipto por Galiza durante todas estas décadas. Pois ben, a empresa sostén que o abandono e a falta de xestión preventiva son as principais causas dos incendios no monte galego. Afirma, neste sentido, que "é precisamente o cultivo de eucalipto e a rendibilidade que ofrece ao propietario forestal, que o estimula a implantar medidas preventivas para evitar que o seu investimento desapareza, a mellor alternativa para combater o abandono e, en consecuencia, os incendios forestais".

“O eucalipto duplicou a súa extensión en Galiza en apenas dúas décadas”

Para defender o eucalipto indica tamén que os datos dos informes anuais de 2000 a 2013 publicados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente indican que tan só unha media do 8% da superficie forestal total que arde cada ano en Galiza é eucalipto.

E cita tamén un estudo da Confederación de Organizacións de Silvicultores de España (COSE) sobre os incendios en Galizae no que se sostén que na zona norte de Galiza, onde se concentran as maiores superficies de eucalipto, os incendios son practicamente inexistentes.

Expansión

Outra opinión ben diferente é a que teñen, entre outros, a vintena de colectivos ambientalistas que impulsaron a campaña 'Stop eucaliptos, avante carballo'. Denunciaban que a prórroga a Ence en Lourizán non só é unha mala noticia para a ría de Pontevedra, senón que ameaza seriamente á biodiversidade de todo o país pola extensión do seu modelo de negocio (pasta de papel, biomasa) baseado no monocultivo do eucalipto”. Un monocultivo que ten non se pode desligar dos incendios.

O eucalipto duplicou a súa extensión en Galiza en apenas dúas décadas. O IV Inventario forestal feito polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente  cifra en máis de 250.000 hectáreas as ocupadas por esta especie, ás que hai que engadir as 40.000 Has de repoboacións.

Técnicos e ambientalistas afirman que esas 290.000 hectáreas ocupadas por esta especie refírense só a aquelas plantacións ou bosques de eucaliptos, sen contabilizar eucalipto que hai en plantacións ou bosques onde non é a especie maioritaria. De telo en conta, a cifra superaría, din organizacións como Greenpeace, as 370.000 Has. Nunha análise publicada hai uns anos por esa organización ambientalista, estimábase que de 600.000 propietarios forestais que hai en Galiza máis de 120.000 céntranse no eucalipto.