Ence defende que o eucalipto é unha medida eficaz contra os incendios

A pasteira afirma que apenas o 2% da superficie ardida no que vai de ano en Galiza e Asturies é desta especie.

Ence considera que o eucalipto xestionado con responsabilidade é unha eficaz medida na loita contra os incendios, indicando que das máis de 5.100 hectáreas que arderon no que vai de ano en Galiza e Asturies apenas 100 eran desta especie. O que supón un 2% do total queimado nestes meses. A empresa indica ademais que menos do 9% das zonas ardidas eran superficie arborada.

Ence di que o informe da Confederación de Organizacións de silvicultores de España (COSE) sobre os lumes en Galiza indica que na zona norte de Galiza, onde se concentran importantes superficies de eucalipto, apenas hai incendios. No documento apóntase a que as zonas forestais de Galiza máis afectadas polas lapas son as de matogueira sen arborado. De aí que sinale que o abandono do monte sexa unha das principais causas de incendio.  

Para a pasteira, as superficies de eucalipto xestionadas por propietarios forestais son unha “alternativa fiábel” para “combater o abandono e os incendios”.