Afrontan petición de 102 anos de prisión

Encausadas na Operación Jaro chaman a unha “resposta de país” fronte á escalada represiva

Imaxe: @gzcontrainfo

A Fiscalía solicita penas de entre 6 e 12 anos de cárcere para as 12 independentistas, baixo unha acusación (“banda criminosa”) que levaría a disolución de Causa Galiza e Ceivar. As procesadas apelan a colectivos e organizacións sociais, políticas e sindicais a “tomar parte” na denuncia do proceso.

Seis das doce independentistas procesadas na ‘Operación Jaro’ compareceron esta cuarta feira no local da CIG en Vigo para denunciar a escalada represiva que supón a petición formulada pola Fiscalía da Audiencia Nacional: 102 anos de prisión. Unha petición de entre 6 e 12 anos de cárcere para cada unha das encausadas, para alén que a acusación de ‘banda criminosa’ implicaría a disolución das organizacións no albo deste operativo: Causa Galiza e Ceivar. Desde as procesadas salientan que hai outras cuestións non menores: as multas de ducias de miles de euros ou o feito de que, de prosperar estas peticións, iso implicaría a suspensión de emprego nas administracións públicas para algunhas das encausadas.

As persoas sometidas a este proceso da Audiencia Nacional española fixeron un chamamento a dar unha “resposta de país” fronte a esta escalada represiva. Así, apelan ao tecido social e político da Galiza a participar o 7 de decembro nunha reunión na que se informaría polo miúdo de todo o concernente ao proceso xudicial e se debaterían accións e mobilizacións a promover.

Manifestación nacional

“Hai diferentes proposta e e alternativas riba da mesa”, afirma Joam Peres, unha das persoas encausadas, a Sermos Galiza, “como unha manifestación nacional, posibelmente en febreiro, presentar mocións, etc...”. Calculan que o xuízo sexa en primavera-verán de 2020, polo que tamén contemplan accións de denuncia nas datas das sesións.

“Estamos perante algo grave como é tentar tirar do mapa o independentismo organizado”, salienta, “mais tamén a un ataque aos mínimos dereitos e liberdades políticas”. Por iso, aponta, a resposta a esta vaga represiva debe de ser “ampla e plural”.

“O PSOE adiantouse a Vox”

“O PSOE adiantouse a Vox”, ironiza. Lembra a recente proposta da formación ultradereitista de ilegalizar organizacións independentistas e indica que iso é o que fai a Fiscalía (“e Pedro Sánchez aclarou hai pouco quen mandaba na Fiscalía”) con este proceso.

“Non nos encontrarán atemorizados, non baixaremos a cabeza”, afirmaron as encausadas na comparecencia de imprensa, na que pediron a “anulación total do xuízo”.