Entrevista

Xosé Manuel Pavón: "Encadeeime no hospital de Monforte porque levo dous anos esperando por unha cita"

Xosé Manuel Pavón. (Foto: Xosé Lois Rivera)

Xosé Manuel Pavón, de 76 anos, veciño de Monforte de Lemos, onde foi concelleiro, e nome histórico do nacionalismo galego, encadeouse no hospital de Monforte. Coa súa protesta logrou que o atendan esta semana. "Quería denunciar un problema".

Xosé Manuel Pavón,encadeouse nun banco de espera do hospital comarcal de Monforte para protestar polos dous anos de espera para acceder ao servizo de Oftalmoloxía. Pavón, un dos nomes chaves na reorganización do nacionalismo galego, a través da UPG ou do SOG, encadeouse cunha grosa cadea enrolada ao seu pescozo e ancorada no banco este 22 de abrill, portando un cartaz no que denunciaba que levaba esperando por unha cita médica desde 2023.

Que o levou a tomar esta decisión?
Son diabético e insulinodependente. Pasei dous cancros e teño só un ril. En febreiro de 2023 o endocrino dixo que pedise vez preferente para que me mirase a vista. Pedín vez e déronma para novembro de 2023 mais esa cita non chegou á caixa de correos do meu piso senón ao dunha veciña que non a veu ata tempo despois e douma. Xa pasara o día e non me notificaran a cita por ningún outro medio, nin SMS nin teléfono.

Fun a Atención ao Paciente a explicar o que pasara e pedir outra cita e dixéronme que reclamase. Así o fixen e contestáronme cun escrito de que sería atendido á maior brevidade posíbel. Pasaba o tepo e nada. Volvín reclamar e a mesma resposta. Unha carta sen sinatura dicindo que me atenderían á maior brevidade posíbel.

Que fixo?
Fun ao Hospital para falar con algún responsábel. Falei con un, que non se identificou. Dixen que este problema tiña que solucionarse, que xa pasara tempo. Din 15 días de prazo para que o resolvesen ou se non que me encadearía no Hospital. Riron. Pasados os 15 días fun ao Hospital e fíxeno

Encadeouse e logrou que atendesen a súa demanda.
Cheguei ao Hospital de Monforte e non puiden falar con ninguén. Así que fixen o que prometerá, encadeeime. Por alí pasaban médicos, enfermeiras, pacientes… alí estaban os gardas de seguridade…. Ata que mandaron unha persoa de Atención ao Paciente que me dixo que me daban cita para o 7 de maio. Dixen que non aceptaba, ou que me atendían esta semana ou non me movía de alí. E finalmente déronme cita para esta sexta feira. E aí acabou isto.

Que faga falta chegar a isto para que o atendan...
Eu toda a vida fun un loitador, toda. E morrerei así, loitando, pelexando. Eu non pretendía dar o espectáculo, senón denunciar un problema. Hai que pelexar polas cousas e eu levo toda a vida loitando. Teño o certificado de vítima do fraquismo, fun o primeiro nacionalista despois da Guerra Civil xulgado no Tribunal de Orde Público (TOP), perdín as veces que fun detido e sancionado. Cando marchaba había xente no Hospital que comentaba: "Pois haberá que facer así para conseguir que nos atendan".