A EN2 portuguesa, un festín para as persoas viaxeiras

Ángel Blas Rodríguez, no quilómetro cero da N2 [Foto: cedida]
Non fai falta ir aos EUA para experimentar a épica das estradas de costa a costa ou as rutas que serían cantadas polos Stones. Temos ben pertiño de nós a EN2, 738 quilómetros que unen Chaves e Faro, o norte e o sul de Portugal. A columna vertebral do país viciño. Unha viaxe que descobre todo un fresco do Portugal interior. Un festín especialmente apetitoso para persoas viaxeiras en xeral e para o colectivo moteiro en particular. Unha alternativa cada día máis popular que sumar ás lendarias Route 66 norteamericana e Ruta 40 arxentina.

A EN2 (ou simplemente N2) pide demora na súa descuberta. Non pide turistas, pide viaxeiras. Este percurso de 738 quilómetros non se pode despachar dunha sentada. Unha ruta de 9 días, a fraccionar sensacións e paisaxes, é o que con acerto recomendan as guías de viaxe. Ir de vagar é imprescindíbel para tirar todo o proveito a unha viaxe que sen dúbida mudará a visión que temos do país irmán.

Non por acaso a editora especializada Frommer's identificou a EN2 como un dos 19 destinos a visitar no mundo en 2019. Segundo a publicación norteamericana, estariamos perante unha viaxe "icónica" desde a "cidade romana" de Chaves, na raia con Galiza, até as "amenas praias" do Algarve. A espiña dorsal de Portugal. Un río de cemento que comunica todo o interior dun país que se está a redescubir a si propio após os devastadores incendios forestais de 2017. Con efecto, Portugal sempre ollou de preferencia para o mar (virai costas a Castela...) e durante séculos deixou un chisco de lado o seu territorio máis continental. Iso está a mudar nos últimos tempos e "unha onda de interese" polos concellos non costeiros comeza a ser moi palpábel. E nesa descuberta a EN2 ten un papel estelar, para portuguesas e estranxeiras. É un imán, polo seu propio valor intrínseco e porque conecta con toda unha mítica, a que inevitabelmente remite para a literatura (On the Road, Jack Kerouac) e para a música (Route 66, The Rolling Stones) con moi fácil venda publicitaria en todo o orbe.

"Temos cada vez máis persoas a facer o percurso", afirma ao respeito a secretaria de Estado de Turismo, Ana Mendes Godinho, para quen os 738 quilómetros da EN2 supoñen a porta de entrada no "mapa turístico" de Portugal, "a descobrir mil e unha experiencias... paisaxes deslumbrantes, aldeas únicas, praias fluviais irresistíbeis, patrimonio inesquecíbel e gastronomía completamente diferente ao longo do camiño", di entusiasmada. Retórica á marxe, o Governo de António Costa decidiu apoiar o proxecto de valoración turística lanzado pola Asociación de Municipios da Rota da Estrada Nacional 2. Entre as actividades programadas até se puxo en andamento un grande premio de ciclismo por etapas.

En todo caso, quen mellor nos pode falar da EN2 é alguén que xa a percorreu de cabo a rabo. "Ten o seu aquel. É das estradas máis longas de Europa. Moi recomendábel. Dáche outra visión de Portugal, distinta da que temos se visitamos Porto, Lisboa ou en xeral a costa", dille a Sermos Ángel Blas Rodríguez. Ourensán aficando en Vigo, fixo a EN2 en 2017 na compaña doutras 8 persoas —"eramos catro parellas e un single"—. Cinco motos a facer os 738 quilómetros en cinco días. Agosto. Moita calor. Combustión no ambiente. "Foi o ano do incendio de Pedrogrão grande, en que houbo tantos mortos [64]", evoca.

"Se o fixésemos hoxe de novo, fariamolo con máis relaxo. Con máis tempo por diante", afirma. Houbo os seus contratempos. "A vía non estaba ben sinalizada en moitas ocasións, o que fixo que nos perdésemos algunhas veces. Hai estradas novas que tamén se solapan coa EN2. Hoxe levariamos a viaxe mellor planificada", di.

O que máis impacto produciu en Ángel foron as planicies do Alentexo. "Esas rectas inmensas. Un pouco como en Estremadura. Cun asfalto moi malo e na paisaxe moita sobreira e moita oliveira", describe. "É unha zona moi pouco turística, moi bonita de ver, moi pouco explotada", afirma. Comer e durmir non son caros. "Comías por 6 ou 7 euros e atopas hoteis a prezos razoábeis", ilustra.

O Algarve xa é outra cousa. "Cando chegas a Faro si que te encontras con moito mogollón. Esa zona si que está moi masificada", relata.

Un apuntamento máis. O patrimonio histórico a visitar é impresionante —desde o palacio rococó da Casa de Mateus (Vila Real) até o Convento da Sertã— , con bens xa protexidos pola UNESCO. "Hai un respeito ao patrimonio tremendo. Ves virguerías. Que contraste coas desfeitas que se fixeron na Galiza!", conclúe Ángel.