A máis da metade das familias galegas quédalles mes ao final do soldo

O número de fogares en que declaran chegar con moitas dificultades ao día 30 duplicouse desde o ano pasado. Aliás, en máis de 74 mil vivendas dependen de achegad@s e amizades para cadrar as contas.

Máis da metade dos fogares galegos declaran ter dificultade ou moita dificultade para chegaren a fin de mes. Así o remarcan as cifras incluídas no último inquérito do Instituto galego de estatística --IGE--. Aliás, tres de cada dez familias non se permitiron extra ningún neste periodo, entendendo por 'extras' unha compra maior da habitual de comida ou aforrar algo de cartos.

No concreto, no 54,54% das vivendas do país teñen que botar moitas contas. Mais entre elas hai un 13% que chega afogado ao día 30. Esta porcentaxe case duplica a correspondente ao mesmo periodo do ano pasado, cando o 6,92% das familias dixeron atoparse nesta situación, e supón unha suba de dous puntos respecto ao periodo que vai de abril a xuño.

O colchón da familia e das amizades

Continuando cos datos, o inquérito distingue entre quen remata o mes 'con facilidade ou moita facilidade', 'con dificultade' e 'con moita dificultade'. Así, se ben é certo que a porcentaxe de fogares que din ter dificultades --41,62%--baixa dous puntos respecto ao ano anterior --43,09%--. Isto non quere dicir que a súa situación económica mellorase.

Por contra, e co ollar posto nas táboas do IGE, se o número de familias que chegan con moita dificultade se duplica o máis probábel é que o panorama nese 2% de fogares fose a peor.

Tal interpretación refórzase se comparamos os datos da terceira das variábeis, casas onde o mes acaba con facilidade ou moita facilidade.

Declaran verse nesta situación o 45,46% das familias, unha porcentaxe cinco puntos inferior á sinalada hai doce meses nas vivendas que foron obxecto do inquérito.

O 44% das persoas entrevistadas recoñeceu unha mudanza nos hábitos de consumo, optando por marcas brancas ou rabuñando entre os produtos en oferta; o 30% viuse avocado a cinguirse ao orzamento doméstico, sen gastos adicionais; e o 8,43% depende de familiares ou amizades para rematar o mes.

Esta última porcentaxe subiu un punto desde o periodo xaneiro-marzo, cando eran 74 mil os fogares que declaraban recorrer a estas fontes de ingresos para cadrar as contas.