MEDIO AMBIENTE

As empresas envasadoras, detrás do lucrativo negocio da reciclaxe

Nos últimos tempos, en que o debate sobre o uso do plástico ademais de necesario se volveu tendencia, moito se está a falar da conveniencia ou non do SIX (Sistema Integrado de Xestión) fronte a modelos de tratamento do lixo como o SDDR (Sistema de Depósito, Devolución e Retorno). As asociacións ecoloxistas coinciden en desmontar as bondades do sistema actual, cuxo problema inicial é pensar que o lixo chegará ao colector asignado.

"Somos a organización sen ánimo de lucro que se dedica á recuperación de envases en toda España. En Ecoembes cremos na eficiencia medioambiental e económica, e traballamos para conseguir que os resultados da reciclaxe de envases en España crezan ano tras ano, até chegar a ser un dos países europeos de referencia nesta materia”. Este rezo tan claro en favor do planeta pode lerse na páxina web da empresa que controla o monopolio da reciclaxe. Porén, as asociacións ecoloxistas e de consumo responsábel apuntan que detrás do modelo de separación e reciclaxe atópase un negocio moi rentábel pero pouco sustentábel. Vaiamos por partes.

 

ADEGA destaca que só o 25% do plástico producido se recupera, e da porcentaxe recuperada, o 50% quéimase e o 25% expórtase a China, onde as leis medioambientais son máis laxas á hora de incinerar determinados residuos ou aproveitar materiais que en Europa xa non serían reutilizábeis. Tan só o restante 25% se recicla.

 

O plástico que se recicla transfórmase xeralmente en produtos que nada teñen que ver co orixinal (telas, lonas, madeiras plásticas, tuberías...), e que, na maioría dos casos, non poden volver someterse ao proceso da reciclaxe. Con ánimo de lucro Ecoembalaxes España S.A., marca baixo a que está xestionada Ecoembes, facturou 529 millóns de euros en 2017, segundo o seu informe anual. O exercicio anterior, 2016, deita unha cifra de negocio de 494,1 millóns. Mais non só estas cifras chaman a atención. A composición da xunta de accionistas da empresa tamén o fai. O 60% do accionariado contrólano asociacións e empresas envasadoras, principalmente grandes compañías de alimentación e bebidas, tales como Campofrío, Bimbo, Danone, Coca-Cola ou PepsiCo; o 40% restante repárteno o sector de materias primas (co exemplo da coñecida Tetra Pak, produtora dos tetra bricks) e o das grandes cadeas de comercio e distribución (Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés, Mercadona...).

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 318 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]