Empresarios piden "maior control" dos montes veciñais

Montes comunais de Santiago de Covelo. (Foto:Nós Diario).
O prazo de alegacións ao proxecto de Lei de montes veciñais que impulsa a Xunta finaliza hoxe, 24 de maio, e faino cunha "emenda á totalidade" presentada pola Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común (Orgaccmm). Ao tempo, entidades empresariais instaron onte a Xunta a que esta lei sirva para "controlar" as "condutas abusivas" de colectivos comuneiros, petición que indigna ao sector.

O proxecto de Lei de montes veciñais contou desde o minuto un coa oposición de colectivos e organizacións de comuneiros, entre elas a máis ampla, a Orgaccmm. Entre os desacordos co proxecto estaba o de ver na futura lei unha vía para a "privatización" do monte veciñal e para "facilitar" a entrada de empresas neses terreos por riba da opinión da veciñanza comuneira. Unha sospeita que para a Orgaccmm vén de se confirmar coa petición feita onte á Xunta por organizacións empresariais de Vigo e Mos para que a futura lei "controle as condutas abusivas" de comunidades de montes.

"É unha indecencia"

"É unha indecencia iso que piden", apunta Xosé Alfredo Pereira, secretario da Orgaccmm, a Nós Diario. "Compórtanse como antidemocráticos e especuladores", engade. Mais, que piden? As asociacións empresariais de Mos e de Cabral, Aemos e Aveeca, queren que o futuro marco legal que regule as comunidades de montes "se inspire" na Lei de costas para "protexer" as propiedades privadas nesas zonas. Exixen, tamén, que a Administración garanta que "empresas e industrias que se atopan en monte comunal poidan continuar desenvolvendo a súa actividade"; e que haxa un "maior control fiscalizador e actuacións internas" sobre as comunidades de montes.

Para Pereira, o empresariado está a mover ficha para que o novo marco normativo lles permita poder "facer e desfacer" nos montes veciñais, algo no que este comuneiro ve a complicidade da Xunta.

Emenda á totalidade

A Orgacmm sinala a Nós Diario que máis que alegacións ao proxecto de lei da Consellaría de Medio Rural presentaron unha "emenda á totalidade". A organización puxo en marcha a principios de ano unha Iniciativa lexislativa popular (ILP) para evitar o "roubo" do monte veciñal galego a través da súa privatización. "E vimos de presentar ese texto como alegacións", apunta Pereira.

Unhas alegacións que se centran en tres puntos fundamentais, segundo o secretario da entidade representativa dos montes veciñais: reforzar o "carácter xermánico" dos montes en man común; isto é, considerar a veciñanza como único requisito para ter a condición de veciño ou veciña comuneira; recoñecer o monte veciñal como unha titularidade distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas; e considerar como aproveitamentos e usos do monte veciñal todos aqueles que se dan nos mesmos.

A ILP leva recollidas máis de 6.000 sinaturas, estima Pereira, no marco dunha campaña en que realizaron reunións e encontros en diferentes comarcas da Galiza para concienciar sobre o que Pereira mantén que é "un latrocinio dos montes veciñais".

O novo congreso do monte galego abriu o relevo xeracional

Por volta de 80 entidades de comuneiros de diferentes partes da Galiza tomaron parte en Moaña no VII Congreso galego de comunidade de montes, unha cita que decorreu na fin de semana e na que, como indican a Nós Diario desde a organización, déronse pasos "cara ao relevo xeracional" e "unha maior implicación das comarcas do norte galego". A Lei de montes que impulsa a Xunta centrou boa parte dos debates e palestras nunha cita onde as persoas participantes quixeron recoñecer a loita da Comunidade de montes de Tameiga, no concello de Mos, "contra os intereses especulativos e urbanísticos encabezados polo Real Club Celta e a alcaldesa de Mos". 

A Organización galega de montes veciñais en man común enmarca a Lei de montes da Xunta na "vaga histórica de agresións" a esta figura, e sendo a primeira, indican, que procede da Galiza.

Así, apuntan que as catro anteriores foran adoptadas por Gobernos do Estado (1812, 1885, I República e Franquismo) e que todas elas tendían a acabar co carácter veciñal do monte galego. "Mais esta é a primeira que vén dun Goberno galego, o que é máis grave aínda", indican dese a Orgaccmm. As comunidades de montes ocupan perto de 700.000 hectáreas, 22% do territorio. Na Galiza, estes montes abranguen medio millón de propietarios en común.