A empresa viguesa ACSM Shipping baixará ao pecio do 'Pitanxo' por 2,85 millóns

O pesqueiro 'Vila de Pitanxo'. (Foto: Ministerio de Pesca)

Os traballos deberán levarse a cabo antes de do 31 de outubro.

A compañía viguesa ACSM Shipping adxudicouse o contrato de procura, localización e inspección do pecio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo por 2,85 millóns de euros, algo menos que os 3 millóns de euros inicialmente previstos na licitación.

Tal como publicou o Goberno do Estado español na Plataforma de Contratación do Sector Público, o importe ascenderá a 3,44 millóns de euros con impostos e ACSM resultou adxudicataria ao tratarse da proposta "máis beneficiosa" no seu conxunto.

Agora, a compañía terá que levar a cabo os traballos na época de primavera ou verán, cando a climatoloxía é favorábel na zona de Terranova, en Canadá.

Segundo recolle na súa web, ACSM ofrece servizos e solucións submarinas aos mercados do petróleo e gas, ademais de cables submarinos e enerxías renovábeis.

Todo iso despois de que as familias dos falecidos insistisen durante meses na importancia de baixar ao pecio para atopar probas das causas do accidente. A pesar de que nun primeiro momento o Executivo español dixo que cabía agardar até que os investigadores o solicitasen, finalmente así foi.

Petición das familias

Esta segunda feira, a portavoz dos familiares, María José de Pazo, esperou que se conclúan "canto antes" os trámites administrativos para así coñecer en que mes se baixará definitivamente ao Pitanxo.

En declaracións aos medios de comunicación, explicou que o tempo para formalizar este contrato aínda está aberto, polo que as familias están "expectantes" para que se conclúa.

O pesqueiro galego Vila de Pitanxo naufragou en febreiro de 2022 en Terranova, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo.