Unha empresa privada será quen decida sobre as prestacións de especialidades dos hospitais galegos

A empresa vai poder decidir se estas especialidades se prestan na sanidade pública ou se se privatizan e desde a CIG xa alertan das consecuencias que isto pode ter para as e os doentes e para a propia calidade asistencial.


Un “Anuncio de Licitación e Adxudicación da Comunidade Autónoma de Galiza” publicado no BOE recolle a convocatoria para a contratación dunha empresa para ter poder de decisión fulcral en necesidades de realización de probas e procedementos de diagnóstico por imaxe (radioloxía),  intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia no sistema sanitario galego

A CIG-Saúde explica que este contrato implica que a partir da adxudicación a empresa privada decidirá que  maquinas e aparatos de alta tecnoloxía se comprarán no Sergas para as prestacións sanitarias das especialidades anteriormente relacionadas.

“A empresa privada terá a capacidade absoluta para decidir se as dotacións dos  medios tecnolóxicos actuais son renovados ou non ou, pola contra, se o SERGAS  prescinde de comprar novas resonancias magnéticas, novos aceleradores para o tratamento co cancro, ou simplemente se estes aparatos se dan de baixa e esta actividade se contrata con un centro privado”, sinala a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

A peor

A central nacionalista afirma que este modelo está copiado do implantado no seu momento no servizo de saúde das Illes Balears. "Un sistema sanitario que desde que chegou o PP perdeu prestación e calidade a pasos axigantados", segundo a CIG-Saúde, e no que ademais, "como a empresa adxudicataria só sabía de maquinas, tivo que subcontratar a outra empresa para a xestión integrada dos recursos".