Unha empresa norueguesa cede gratuitamente un sónar e un robot para baixar ao 'Villa de Pitanxo'

O presidente e a conselleira de Mar reuníronse con representantes das familias (Foto: Ana Varela / Xunta)

As familias dos falecidos e desaparecidos no naufraxio en Terra Nova anuncian unha querela criminal contra o patrón do barco, o seu sobriño e a armadora.

Unha empresa privada de Noruega está disposta a ceder, gratuitamente, un sónar de varrido lateral e un robot para baixar ao 'Villa de Pitanxo', o buque galego afundido en augas de Terranova (Canadá) o pasado mes de febreiro.

Así o avanzou a portavoz dos familiares da tripulación do barco, María José Do Pazo, após reunirse -xunto a outros achegados- este sábado co presidente da Xunta, Alfonso Rueda; e a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Segundo explicou, foi o propio presidente o que informou desta oferta. Ademais, Rueda ofreceu que sexa o Goberno galego o que corra cos gastos do envío e devolución destes aparellos, que deberán instalarse nun buque cedido polo Goberno español.

É por este motivo que, segundo asegurou Rueda aos familiares, trasladará esta oferta ao presidente Sánchez na súa próxima reunión, instándoo a dispor ese buque estatal. Antes diso, o responsábel do Executivo galego quere reunirse cos portavoces da oposición para acordar unha postura común.

"Isto é un pasiño para diante. Espero que o presidente Sánchez ou a quen lle toque decidir isto no Goberno, recolla a luva. Presidente Sánchez, poña o buque e vaiamos xa, que estamos a contra reloxo", apremou María José.

A portavoz insistiu en aclarar "que é o que buscan realmente as familias". "Pedimos que se baixe ao barco, que é viábel, pódese facer sen pór en risco a ninguén, agora no verán segundo o que din os expertos. Queremos que se faga co fin de obter probas para esclarecer as causas do afundimento. Para nós e para toda a xente do mar, que se saquen conclusións para que non volva ocorrer nunca máis", explicou.

Querela criminal

O segundo punto que centrou a comparecencia das familias foi o anuncio da personación "dun gran bloque delas" ante a Audiencia Nacional cunha querela criminal contra o patrón do Pitanxo, o seu sobriño --os dous sobreviventes--, e a armadora, o grupo Nores por 21 presuntos delitos de homicidio por imprudencia, delitos graves contra a saúde dos traballadores, falsidade documental e encubrimento.

"Cremos na xustiza, no que investiga a Garda Civil, en que se está levando todo a cabo de forma rigorosa", dixo a portavoz, que argumentou que interpoñen a querela guiados por "expertos técnicos altamente cualificados" que "de forma altruísta colaboran" con eles e que conclúen "con unanimidade que hai responsabilidade criminal".