Unha empresa de Madrid promove unha 'macroplanta solar' na Gudiña que ameaza aguias reais

Planificación do novo proxecto solar na Gudiña (Foto: Adega).
En opinión de Adega, “volven repetirse os erros acontecidos co desenvolvemento eólico cunha implantación desordenada e claramente especulativa".

A planta solar fotovoltaica ‘A Gudiña’ de 66 Megawatts (MW) e 110 hectáreas de superficie e promovida pola empresa madrileña Amber Solar Power 29 sitúase a menos de 3 quilómetros do niño dunha das únicas 6 parellas de aguia real (Aquila chrysaetos) que hai na Galiza, catalogada como "en perigo de extinción" segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, segundo indican desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega).

“Recentemente diversas entidades ecoloxistas e naturalistas galegas denunciabamos que a aguia real, que na Galiza mantén unha pequena poboación (unhas 6 parellas reprodutoras) nos lugares menos humanizados da montaña, é unha das especies máis afectadas pola masiva implantación de polígonos eólicos e infraestruturas asociadas nos seus lugares de reprodución e campeo, imprescindíbeis para asegurar a recuperación e a viabilidade da especie”, acrecentan desde a asociación ambientalista.

Macroplanta solar

Agora, “por se non tiveramos pouco cos parques eólicos”, un proxecto de macroplanta solar e liña de evacuación “pretende ocupar 110 hectáreas no concello da Gudiña, dentro da área de campeo dunha destas 6 únicas parellas nidificantes de aguia real que temos en Galiza, e coas torretas eléctricas a menos de 3 quilómetros do niño”.

En opinión de Adega, “volven repetirse os erros acontecidos co desenvolvemento eólico: unha implantación desordenada e claramente especulativa que non só fosiliza centos de hectáreas de hábitats naturais senón que tamén ameaza a unha das especies máis sobranceiras do patrimonio natural galego”.

"A quen benefician?"

Dende Adega pregúntanse “como é que se fomenta e a quen beneficia este modelo baseado na implantación de macroproxectos industriais (agora fotovoltaicos) nun país inzado de parques eólicos, en troques de promover o autoconsumo e a produción solar a pequena escala: en polígonos industriais, edificios públicos, estadios...”.