Empregad@s públic@s pagan coa extra de decembro unha tonelada de comida para quen menos ten

Unha campaña posta en marcha pol@s funcionari@s concluíu esta terza coa entrega dos alimentos á Redeaxuda, unha iniciativa do Concello de Pontevedra da cal fan parte as organizacións que traballan man a man coas persoas máis afectadas pola pobreza e o desemprego


Nas dependencias municipais do Concello de Pontevedra apareceu a semana pasada un cartaz anónimo que chamaba a xuntar alimentos de primeira necesidade para entregar ás familias que menos teñen. Comezaba así unha campaña de recollida que rematou esta terza feira, e na cal @s empregad@s públic@s aportaron en función das súas posibilidades até xuntar pola volta dunha tonelada de comida que xa lle foron entregados a Redeaxuda. Esta rede é unha iniciativa do Goberno local que integra as organizacións que traballan man a man coas persoas máis afectadas pola pobreza e o desemprego, como a Fundación Secretariado Xitano, a Fundación Meniños, Proxecto Home ou Calor e Café.

Após declararse insumiso perante a orde de Madrid estampada no RD 20/2012 de non lles pagar a extra de decembro aos e ás traballadoras públicas, o Goberno pontevedrés, que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) abonoulles un complemento de produtividade para compensar a retirada, permitindo que pola volta de 500 traballador@s manteñan a extra. Moit@s, como Manuel Cancela, responsábel dos servizos de xardinaría, quixeron "repartir a sorte que tivemos" e porse mans á obra na recollida de alimentos.

Di Cancela que "foi unha campaña breve por falta de experiencia", pois era a primeira vez que unha acción destas características se puña en marcha de maneira colectiva. Porén, quédanlles ganas de repetir. Segundo os últimos datos do Instituto español de estatística, pola volta de 9 mil traballador@s están en Pontevedra en situación de desemprego. Del@s, tres mil recorreron ás axudas sociais do Concello nos nove primeiros meses do ano.