O empadroamento xa non será preciso para acceder a prestacións

A ministra Ione Belarra presentou esta terza feira a lei. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Nova normativa estatal de servizos sociais.

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira, en primeira lectura, unha Lei de Servizos Sociais que estabelecerá uns servizos e prestacións mínimas para todo o Estado español. A nova lei, impulsada polo Ministerio de Dereitos Sociais, indica que no Consello Territorial deberán acordarse un mínimo común de servizos básicos para todo o territorio estatal, incluíndo as cocientes de profesionais, co obxectivo de fomentar a igualdade.

Segundo a ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, agora existen uns "servizos sociais completamente asfixiados" despois dos "durísimos" recortes experimentados  entre os anos 2012 e 2013, e as posteriores "privatizacións en moitas comunidades autónomas", polo que esta lei será "un balón de osíxeno".

Entre as novidades que introduce a norma, a ministra destacou a posibilidade de mobilidade territorial, evitando a exclusión que agora mesmo se produce no acceso a algunhas prestacións dos servizos sociais, en caso de trasladarse dun lugar a outro do Estado español; ou a eliminación do requirimento do empadroamento para acceder a estes servizos.

Outro dos obxectivos da lei é, segundo o Ministerio, reforzar o sistema e a orientación do mesmo cara a unha atención "máis personalizada, máis integral e inclusiva, reducindo as barreiras de acceso" á protección social e sentando as bases dun novo modelo de servizos sociais, afastado dun enfoque asistencialista e centrado unicamente na emerxencia.

Ademais, introduce o recoñecemento da esencialidade dos servizos sociais, así como a mellora do coñecemento e da xestión da información para coñecer con detalle as distintas situacións.