Histórico militante nacionalista

Emotiva homenaxe en Arcade a Lois Obelleiro no décimo aniversario da súa morte

“Dez anos despois a súa memoria está con nós e seguimos coa súa loita: A defensa dunha Galiza ceibe”, afirmou Ana Pontón nun multiusos cheo até a bandeira.

Hai dez anos falecía Lois Obelleiro, histórico militante do nacionalismo e un dos fundadores do BNG, mais a súa figura e lembranza segue a ser quen de reunir a centos de persoas. Demostrouno este sábado en Arcade, cun multiusos que quedou pequeno para acoller a todas aquelas e aqueles que querían homenaxear a quen foron o seu veciño e o seu concelleiro en Soutomaior.

 

“O feito de que dez anos despois Lois Obelleiro sexa quen de xuntar a tantas e tan diversas persoas é a mellor carta de presentación dun home entusiasta e alegre, un dos bos e xenerosos que adicou a súa vida a loitar por Galiza. Dez anos despois a súa memoria está con nós e seguimos coa súa loita: A defensa dunha Galiza ceibe”, salientou Pontón.

No acto de homenaxe tamén tomaron a palabra o presidente da Fundación Terra e Tempo editora da obra ‘Lois Obelleiro: compromiso e loita’, Roberto Vilaméa, a xornalista María Obelleiro en representación da familia e o portavoz municipal Manuel Lourenzo. Discursos que se completaron coas actuacións musicais de Xosé Luís Rivas, Mini, de Navia Rivas e dos músicos Quico Obelleiro, Lorena Reinaldo e Demetrio Jorge.

 

 ‘Lois Obelleiro: compromiso e loita’

 

O libro ‘Lois Obelleiro: compromiso e loita’ é un percorrido vital sobre a figura deste nacionalista, con artigos de persoas que compartiron con el militancia e amizade, como Francisco Jorquera, Francisco Rodríguez ou Guillerme Vázquez. Tamén inclúe artigos do rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ou de Allariz, Francisco García, así como unha achega da propia portavoz nacional Ana Pontón. Igualmente, recolle textos de nomes do sindicalismo como Manuel Mera ou Rafael Iglesias, do escritor Manuel Lourenzo González, ou do debuxante e ilustrador Pepe Carreiro e  unha significativa participación de amigos e de compañeiros de Soutomaior.