A emisión dos principais contaminantes atmosféricos caeu desde 1990: o sector enerxético xa non é a principal fonte

O transporte e a maquinaria móbil son responsábeis de 41% das emisións de gases precursores do ozono 'malo'. (Foto: Nós Diario)
Só medraron nas tres últimas décadas o metano e o amoníaco, presentes sobre todo na agricultura e a gandaría, sector que hoxe é responsábel da maior parte dos gases acidificantes.

Nas tres últimas décadas a Galiza reduciu de forma considerábel a emisión de diferentes contaminantes atmosféricos. Tamén caeu a polución a conta dos gases de efecto invernadoiro, mais en menor medida. Así o constata o informe As emisións de contaminantes atmosféricos en Galicia (1990-2020), presentado esta segunda feira polo Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli), un documento que complementa outro anterior enfocado na mesma liña e está baseado nos máis recentes datos achegados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

De entre os principais contaminantes atmosféricos, só o metano (+8,1%) e o amoníaco (4,8%) experimentaron unha repunta desde 1990, ambos os dous derivados principalmente da actividade agrícola e gandeira. Os demais, nunha maior ou menor proporción, minguaron neste tempo. É o caso dos compostos orgánicos voláteis non metánicos (-34,2%), presentes sobre todo no sector agrogandeiro e mais en disolventes e outros produtos.

Os óxidos de nitróxeno son os seguintes nesta listaxe, cunha diminución de 42%, e as principais fontes de emisión son o transporte e a maquinaria móbil. As partículas finas en suspensión, derivadas en esencia da combustión non industrial e dos incendios forestais, baixaron 46,4%.

Pola súa parte, a emisión de monóxido de carbono reduciuse en 58,8% —mesma orixe que as partículas en suspensión—, mentres os óxidos de xofre foron os contaminantes atmosféricos que máis caeron, con até 97,7% menos emisións que tres décadas atrás. Estes proceden, basicamente, do transporte e maquinaria móbil e mais dos procesos industriais sen combustión.

En conxunto, o Ogacli apunta que os gases acidificantes —óxidos de xofre e de nitróxeno e mais amoníano— minguaron con data de 2020 en 81%; as partículas finas, como se expuxo anteriormente, en 46,4%, e os gases precursores do ozono troposférico ou 'malo' —monóxido de carbono, metano, compostos orgánicos voláteis non metánicos e tamén os óxidos de nitróxeno—, en 42%. Porén, a emisión á atmosfera de gases de efecto invernadoiro caeu só 36% en comparanza con 1990, moi lonxe aínda do obxectivo de 65% fixado no marco do Acordo de París de cara a 2030, lamentan desde o Observatorio.

As principais causas que se atopan tras desta redución global das emisións, precisan, son a remuda do carbón na xeración eléctrica e as melloras tecnolóxicas inducidas por cambios regulatorios no ámbito do control da contaminación, nomeadamente de vehículos e centrais de carbón. Así, o sector enerxético foi o que máis contribuíu a este suceso, pois as súas emisións de gases acidificantes descenderon en até 99%; as de precursores do ozono, en 91%; as de gases causantes do cambio climático, en 78%, e as de partículas finas —do ano 2000 ao 2020—, en 95%.

"Contrariamente ao que acontecía en 1990, o sector enerxético xa non é na actualidade a maior fonte de contaminantes atmosféricos. O sector agrario, mesmo sen ter en conta as emisións da maquinaria agrícola, foi en 2020 a principal fonte de gases acidificantes (59% das emisión totais), mentres que o transporte e a maquinaria móbil liderou as emisións de gases precursores do ozono 'malo' (41%). No tocante ás partículas finas, a combustión non industrial —principalmente doméstica— resultou ser a maior fonte (42%)", sinala o Ogacli.

En consecuencia, esta diminución xeral dos contaminantes atmosféricos axudou a reducir tamén as concentracións de contaminantes no ar que respiramos, se ben, sostén esta entidade, "toda a poboación galega respira ar nocivo para a saúde segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis exixentes que a normativa legal en vigor". Isto débese, principalmente, aos niveis excesivos de partículas finas e de ozono troposférico, cuestión que afecta, dunha ou outra forma, tanto as áreas urbanas como rurais da Galiza.

"Tanto para mellorar a calidade do ar como para combater a emerxencia climática urxe reducir aínda moito máis as emisións á atmosfera. Para iso, resulta fundamental acelerar a transición enerxética, decrecer a mobilidade motorizada e potenciar o autobús e o tren, apostar pola gandaría extensiva e ecolóxica en detrimento da intensiva e reforzar a prevención dos incendios forestais", conclúe o informe do Ogacli.