Emilio Neira vén de presentar o método 'Sintaxe' na techLING2021

Emilio Neira: "O sistema español non cre na educación, está creado para que fracase"

Emilio Neira (segundo pola esquerda) cos integrantes do equipo de traballo de 'Sintaxe'. (Foto: Emilio Neira)
A innovación educativa chega dende Suíza con forma de nasa. Natural de Taragoña (Rianxo), Emilio Neira é profesor de Educación Especial en Sainte-Croix, unha cidade do cantón de Vaud. Dende hai uns anos, traballa cnda Xiro Montero, David Cuence e Romerto Rama no método pedagóxico Sintaxe, creado para ensinar gramática. O proxecto vén de ser presentado no VI Congreso Internacional de lingua, lingüística e tecnoloxía.

En que consiste 'Sintaxe'?

É un método pedagóxico que ten como obxectivo que crianzas de 7 a 11 anos poidan aprender a gramática de base. O que facemos é concretar o abstracto a través de pezas onde todo o que se ve significa algo, non hai ningún estímulo residual que poida provocar un erro no neno. Gran parte da xente tende a dicir “mira, é feminino porque pinta os beizos ou pon pendentes”. Iso é unha parvada. Para min iso é un estímulo residual a partir do cal non se pode explicar a gramática, porque leva a erro a moitos nenos. 

Sintaxe busca que todo o mundo poida seguir as clases e a aprendizaxe, posto que o presentamos de diversas maneiras: está a oralidade, a escrita, a manipulación, o movemento, o tacto... Moitas veces, os profesores bloqueámonos e só facemos o ensino frontal. Coas novas xeracións penso que está cambiando, pero custa. Ademais, é un método inclusivo. Teño rapaces na clase con deficiencia intelectual leve, con autismo, con dislexia... e son quen de seguir as clases e integrar as dos outros compañeiros, que tamén usan este sistema. Así, o que se consegue é meter unha rampla na clase para que todo o mundo poida acceder a ese coñecemento.

Como foi o proceso de creación do método?

Foron sete anos onde me frustrei e onde decidín marchar de España, porque non quería ser cómplice dun sistema que deixaba os nenos atrás. Fálase de inclusión cando xuntan 30 cativos e cativas nunha aula e entre eles hai algúns con dificultades. Para min iso non é inclusión, realmente aí non existe. Cheguei a Suíza, intenteino e volvinme frustrar porque me trabuquei. Logo, fixen unha rede de colaboración con dous amigos de Belas Artes, expliqueilles o que é a gramática e o que quería. Fómolo creando entre todos e, cando nos faltaba a parte informática, apareceu Roberto para axudarnos.

Cales foron os resultados da súa aplicación?

Hai unha base científica do método. Defendino a través dunha memoria, onde traballei cun grupo de cativos antes do método e despois.

Aquí en Suíza hai probas cantonais de referencia, organizadas polo propio cantón, non polo profesorado. Antes, esta escola estaba por debaixo da media do cantón. Dende que entrou Sintaxe non soamente a superou, senón que é unha das mellores en funcionamento da lingua. Se se trata dunha crianza cunha deficiencia intelectual moi severa é moi complicado de construír, mais hai un retorno por parte de rapaces con deficiencias máis leves, onde resultaba case imposíbel que puidese formar un coñecemento abstracto e agora si se está conseguindo.

Hai uns anos que exerce como profesor en Suíza. Que diferenzas atopa co sistema educativo español?

Non quero dicir que en Galiza ou o Estado non haxa bos profesores, porque os hai. O que ocorre é que, se es bo docente, normalmente tes que rebelarte contra a Administración pola maneira que teñen de facer as cousas. O sistema educativo español é un sistema que non cre na educación, está creado para non crer nela e para que fracase; senón, non se faría un sistema así. Comezas con moitas ganas e teño compañeiros que mesmo acabaron con depresión, xa que á primeira de cambio que intentan rebelarse acaban reprimidos, con ameazas e mesmo con compañeiros que son cómplices da Administración.

Neste senso, Suíza si cre nunha inclusión. Eu teño unha clase de 6 alumnos con trastornos ou deficiencia intelectual. As aulas están todas abertas, podo intervir en clases de compañeiros e eles na miña... Existe unha colaboración incríbel entre profesorado. No Estado español tamén tiña compañeiros moi bos, pero cando querías levar algo a cabo dicíanche que non se podía.