Técnico en Sistemas de Información Xeográfica do Cesga

Emilio Abad: "Idepatri permite recompilar moitas escavacións e constituír unha arca de almacenamento"

O investigador Emilio Abad presentou na facultade de Historia da USC a tese que deu orixe a Idepatri. (Foto: Nós Diario)
Idepatri é unha infraestrutura de intercambio de información xeolocalizada froito da colaboración da Universidade de Compostela (USC) e do Centro de Supercomputación da Galiza (Cesga) que está destinada a almacenar e compartir datos arqueolóxicos entre as persoas investigadoras. Nós Diario conversa co impulsor desta ferramenta, o investigador do Cesga Emilio Abad, que integrou o Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT).

-Foi a súa tese de doutoramento a que deu orixe a Idepatri?

Si, foi un traballo de varios anos de esforzo dentro do grupo GEPN-AAT e en colaboración con outros investigadores. O meu traballo centrouse en solucionar os problemas que tiñan os estudosos á hora de tratar información arqueolóxica de moi diferentes tipos: tratamento de cerámica, arquebotánica, carpoloxía (estudo das sementes).

Colaborei con todo o equipo e ao mesmo tempo desenvolvín a miña parte de investigación. Durante eses anos elaboramos diferentes proxectos, á parte dos estudos, en colaboración co Cesga

-E en que consiste Idepatri?

Un dos espíritos do Idepatri é o que permite pór a disposición doutros investigadores e do público xeral eses datos. Así, é un modelo que ten por riba unha serie de aplicacións, fixemos diversos compoñentes que poñen en funcionamento ese modelo.

Idepatri serve de ferramenta de documentación e así se aplicou na escavación do Castelo da Rocha (Compostela) en 2013, para a documentación no propio xacemento e axudou as empresas de arqueoloxía, cunha perspectiva diferente da investigación, a organizar os datos en directo, de modo que se recortan moito os tempos de traballo.

Así que ao final, Idepatri o que permite é recompilar información de moitas fontes, de moitas escavacións e constituír unha arca de almacenamento deses datos para que poidan ser reutilizados.

-A nivel práctico, como repercute Idepatri no intercambio de datos?

O exemplo máis sinxelo é o de compartir os mesmos sitios arqueolóxicos. Un investigador está a estudar a arqueobotánica ou a carpoloxía dun lugar, e esa información pasa desde Idepatri a un compañeiro ou compañeira que indaga sobre a alimentación nese mesmo xacemento. Ao mesmo tempo a referencia dese mesmo lugar arqueolóxico tena outra persoa que estuda o comercio...

Todas esas persoas investigadoras acceden ao mesmo conxunto de datos, de modo que a identificación do sitio arqueolóxico é a mesma para todas elas nun fluxo continuo de información. Até agora dábase un problema tan sinxelo de entender como que unhas investigadoras fixesen referencia a un sitio cun determinado nome e outras se referisen ao mesmo lugar con outra denominación, algo que pasa a miúdo agás cos lugares senlleiros, e informaticamente sintonizar eses datos complicábase. 

-Alén da investigación e de cara á sociedade xeral, que achega Idepatri á conservación do patrimonio?  

Na miña faceta de investigador e de técnico en contacto coa universidade e coa empresa, coido que ferramentas como esta axudan a pór en valor o patrimonio arqueolóxico. Aínda que agora a Administración pon a disposición das persoas investigadoras ferramentas para a identificación de sitios arqueolóxicos, digamos que eses instrumentos non están feitos desde unha perspectiva arqueolóxica, senón desde o punto de vista urbanístico e de ordenación do territorio, co cal falta ese complemento da valoración do propio sector da arqueoloxía.

A inclusión da información arqueolóxica nesta contorna de transmisión de datos a partir das infraestruturas de datos espaciais que se están a aplicar a calquera cartografía dixital axudan á divulgación do coñecemento e sabemos que é difícil protexer aquilo que non se coñece. Ao igual que o público xeral pode consultar o visor web, Idepatri tamén pode converterse nunha ferramenta informativa para as administracións locais e demais.