Emigrantes retornados e ex-mariños en Noruega non fraquean: “Exiximos solucións”

Imaxe: @BreoganRL

Unha mobilización en Compostela volveu lembrar a gobernos español e galego que “non fixeron os deberes” e seguen sen defender os intereses de colectivos que representan “milleiros de galegos”.

Máis unha vez en Compostela e máis unha vez centos de persoas volveron se manifestar para exixir de Xunta de Galiza e goberno español que “sexan parte da solución e non do problema”. Emigrantes retornados e ex-mariños galegos en Noruega volveron partillar mobilización esta segunda feira, como o pasado mes de outubro, para exixir que, afirman, se poña fin á situación inxusta que afecta a ambos os dous colectivos, que xuntos representan a milleiros de galegos.

A marcha comezou na Praza do Obradoiro para finalizar diante do Parlamento. Representantes do BNG e de AGE tomaron parte na mobilización, que por tramos decorreu ao son dunha 'cacerolada'. Faixas e lemas deixaban claras as súas demandas á vez que demandaban o mesmo que hai meses: solucións. 

Peticións

Os emigrantes retornados piden que se devolvan os impostos que o Estado español, afirman, lles cobrou irregularmente e que non se lles fixe un tipo impostivo diferente aos que non emigraron. Os ex-mariños, de por parte, solicitan cobrar as prestacións que lles corresponden após décadas cotizando en Noruega e que este país non lles quere pagar. Fomos “obrigados a emigrar”, salientan os colectivos, e agora atopan un “goberno que non nos defende”, unha crítica que extenden tamén á Xunta.

Así, desde o colectivo de emigrantes retornados lembran que mentres un pensionista no Estado está exento de presentar declaración até os 22.000 euros, no caso dos que perceben prestación do estranxeiro o baremo baixa aos 11.200 euros. Iso considérano unha inxustiza a reverter.

Desde 'Long Hope' lamentan que o Goberno “non teña vergoña” e non os apoie nunha loita que é “de xustiza”. A isto engaden que, após máis de 30 mobilizacións, Núñez Feijóo non se reunise aínda cun colectivo que representa máis de 10.000 ex-mariñeiros galegos.