O PARLAMENTO DEBATE UNHA INICIATIVA SOBRE O ASUNTO

Emigrantes retornad@s exíxenlle solucións a Feijóo cunha marcha que irá ao Hórreo

A Coordenadora Nacional de Emigrantes retornad@s entregará unha carta ao presidente da Xunta e as sinaturas recollidas por todo o país en apoio ás súas demandas. 

 

Esta terza feira as plataformas de emigrantes retornad@s de todo o país manifestaranse polas rúas da capital galega para reclamaren a solución dun conflito que atinxe a máis de 250 mil persoas en toda Galiza. O protesto coincide co debate no Pleno do Parlamento galego dunha Proposición lexislativa presentada polo BNG relativa á tributación das pensións públicas percibidas en estados nos que existe convenio sobre dupla imposición. 

Mudar a Lei 35/2006

A manifestación partirá ás 11 horas da Alameda compostelá e rematará diante do Pazo do Hórreo onde @s emigrantes farán entrega dunha carta dirixida ao presidente da Xunta e máis das sinaturas recollidas durante os últimos meses en apoio ás súas demandas. 

O colectivo denuncia o carácter retroactivo co que se está a aplicar a reforma sobre o IRPF aprobada polo goberno español e pola cal se obriga @s pensionistas que traballaron no estranxeiro a tributaren polas súas pensións entre 2008 e 2013. Aliás, impóñenselles sancións e xuros polo tempo que, segundo o executivo español, non declararon os seus ingresos. 

Exixen a introdución de mudanzas na reforma do IRPF para que @s emigrantes retornad@s reciban "igual tratamento" que @s pensionistas do Estado español

Desde a Coordenadora Nacional das plataformas, Marusía, afírmase que "os emigrantes retornados queren solicitar que no paquete de modificacións legais" que se está a debater no Congreso d@s deputad@s, "se inclúan as modificacións na Lei 35/2006, necesarias para garantir un trato igualitario" a aquelas persoas que perciben unha pensión do estranxeiro. No concreto, apuntan, que se mude "o artigo 96 en relación co 17, de tal forma que se estableza a obriga de declarar a partir de 22.000€/ano de ingresos, e que para os restantes se estableza un réxime de retencións idéntico ao do resto das e dos pensionistas do Estado Español". 

Tratamento igualitario

Para @s emigrantes retornad@s continúa a ser unha "discriminación" o tratamento que lles quer dar o goberno de Mariano Rajoy e lembran que non foron informad@s da devandita reforma. Neste senso, sintetizan as súas demandas nunha folla de reclamacións que tamén entregarán ao mandatario galego. 

O Bloque defenderá unha proposición lexislativa no Parlamento, que inclúe as demandas deste colectivo

Así, para alén das pertinentes mudanzas lexislativas que defenderá o grupo parlamentar do BNG na Cámara galega, a Coordenadora Nacional exixe "o recoñecemento de oficio das pensións de invalidez que foron aprobadas nos países de procedencia", "a revisión dos convenios marco con terceiros países para evitar que situacións deste tipo poidan repetirse de novo", a "devolución de oficio de todo o pagado e dos seus correspondentes xuros", a "anulación de todos os expedientes" de modo a desenvolver un "tratamento igualitario a partir de 2014", ben como a posta en andamento dunha "campaña informativa" arredor das "obrigas tributarias" deste colectivo. 

Desde as plataformas exixen tamén que o goberno galego ofereza "desculpas" ás persoas atinxidas por este "roubo" e a reparación da súa honra de maneira pública.