A emigración lastra o futuro da Galiza

Europa é o destino escollido pola maioría da mocidade galega que ten que emigrar (Álex Zea / Europa Press).
A política económica desenvolvida na última década lastrou a creación dun mercado de traballo sólido e independente de intereses foráneos. A falta de postos de traballo suficientes e cualificados alentou a marcha de miles de galegos e galegas ao estranxeiro na busca de oportunidades económicas e de vida imposíbeis na Galiza. Voces expertas chaman a un cambio de modelo e ao investimento público en sectores estratéxicos

O padrón de galegos e galegas residentes no estranxeiro aumentou a finais de 2019 até acadar as 523.672 persoas, segundo os datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística a partir do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE). O colectivo aumentou en 4.026 persoas respecto ao ano anterior, unha cifra que non deixou de medrar nos últimos anos e que integra o número total de galegos que viven fóra do Estado español, nados tanto na Galiza como no exterior, é dicir, descendentes con pasaporte propio, ademais de novos emigrantes que nos últimos anos decidiron marchar.

Malia que as estatísticas oficiais recollen tan só os datos referidos ás persoas que se rexistran no país de destino, o que apuntaría unha emigración real moi superior, reflicten unha tendencia que no caso galego vai parella á perda de poboación.

A emigración de galegos e galegas a Europa aumentou en perto de 20.000 persoas nunha década.

Sobe a emigración e aumenta o número de galegos e galegas residentes no estranxeiro, especialmente en Europa, onde o número de galegos e galegas pasou de 93.384 en 2009 a 112.125 en 2019. Pero nunha década non só creceu o colectivo emigrante galego en case 20.000 persoas, senón que mudou o seu perfil. Na actualidade hai máis mulleres que homes no exterior, ao contrario que hai 10 anos, proba, sinalan os expertos consultados por Nós Diario, da orixe e da calidade desta nova corrente migratoria. As mulleres, agora formadas, son quen sofren as maiores taxas de temporalidade e de precariedade laboral, e tamén as que cobran os salarios máis baixos.

Emigración cualificada

Nos últimos anos, a emigración converteuse nun fenómeno cotián e común. "É unha realidade que afecta moita xente na Galiza", apunta o economista Xoaquín Fernández Leiceaga. "Todos temos parentes ou coñecidos próximos fóra", e malia esta constatación, sinala, "as estatísticas reflicten que este fluxo de saída se ve compensado por outro de entrada que fai que en termos cuantitativos a emigración non pareza tan intensa como a que se ten dado noutras etapas da historia da Galiza". Porén, destaca Fernández Leiceaga, estamos ante unha emigración chave en termos cualitativos porque quen a protagoniza é xente moi ben preparada, "que ademais de contar con mellor cualificación e máis capital relacional, demostra ímpeto, decisión e capacidade emprendedora", un déficit decisivo para o futuro do país.

Estamos ante unha nova onda migratoria que ten visos de se prolongar se non mudan as políticas económicas e se se aposta pola creación dun mercado laboral sólido e independente do turismo, como único sector produtivo, advirte Isidro Dubert, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela (USC). "Esta nova vaga migratoria iniciouse 30 anos despois daquela que se estendeu desde 1950 até 1975. Comezou a mediados da década dos anos 2000 e incrementouse a raíz da crise económica de 2008. Por primeira vez afecta por igual homes e mulleres, sobre todo a xente nova, cunha cualificación superior, que para o país representa non só unha perda de poboación, senón de potencial demográfico e de capital humano".

As axudas europeas non contribuíron á creación dun mercado de traballo estábel e suficiente.

Para Dubert, esta nova onda migratoria chega nun contexto no que se multiplican as axudas europeas destinadas a crear emprego e a alentar un mercado de traballo estábel, que permita introducir mais tamén consolidar as novas xeracións. "Pero ese mercado revélase inexistente" a pesar do capital procedente da Unión Europea. "Os investimentos dedicáronse máis ao levantamento de infraestruturas que á creación dun mercado de traballo suficiente", incide, o que derivou nun escenario laboral precario caracterizado polo "traballo temporal e mal pagado".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da sexta feira, día 3, nos quiosques ou na nube]