Máis de 30 mil galegas e galegos voan a terras helvéticas en 2017

A emigración converte Suíza no primeiro destino internacional de Lavacolla

Interior da terminal de Lavacolla

Crise espagnole oblige, des Galiciens reviennent foi o titular de portada dun xornal suízo do 9 de outubro de 2012, ilustrado cunha foto de emigrantes no aeroporto. Após cinco anos desa imaxe e 3.000 emigrantes rexistrados máis, Suíza segue a despegar como primeiro mercado internacional do aeroporto de Lavacolla – Rosalía de Castro ao contabilizar 30.715 persoas que voaron até Xenebra, Basilea ou Zúric no primeiro trimestre de 2017, segundo datos fornecidos por Aena.

Catro de cada 10 pasaxes europeas de Lavacolla son a Suíza. Desas cifras, turistas son os menos, pois 24% do tráfico internacional do aeroporto compostelán está vinculado á emigración como destacan os Estudos de Mobilidade no Modo Aéreo (Emma), ao que hai que engadir as viaxes cargadas de maletas de heroicidade realizadas en autocar, en vehículos particulares e mesmo en taxi. 

En Suíza residen 40.983 emigrantes procedentes de Galiza, aínda que boa parte saíron entre 1960 e 1980 e alí formaron familias bilingües galego-francés ou galego-alemán, segundo o cantón onde vivisen. Se nos veráns da década de 1980 os coches descapotábeis alugados con matrícula CH atopaban aparcamento nos paseos marítimos de moitas vilas galegas, na actualidade Swiss fai voos especiais a Zúric e EasyJet ampliou a capacidade das súas aeronaves nas rutas a Basilea e Xenebra, o que propicia que a emigración use o aeroporto compostelán para os desprazamentos.

Coa habelencia da veteranía e co coñecemento dos idiomas, agora intentan abrir portas a familiares para colaboraren na busca de traballo e de residencia, perante a crise española que porfía en castigar o mercado laboral galego. É o perfil da mocidade que nos últimos anos desembarca no territorio helvético con formación académica para lograr un contrato logo de acumular a frustración da precariedade laboral no noso país.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Mais nos últimos anos atópanse tamén nos centros galegos con quen recuncan na emigración por segunda vez: emigrantes retornados a Galiza que volven emprender a viaxe que fixeran de novos, mais nesta ocasión facturan no aeroporto as maletas cheas de know-how, nun exilio laboral cíclico; pois non están afectados pola cláusula de salvagarda incluída no acordo de libre circulación de persoas subscrito pola Confederación Helvética con Bruxelas para restrinxir os permisos de traballo durante máis dun ano.

Para o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, non existe unha segunda vaga de emigración, pois a chamada mobilidade exterior é ordenada e non van á aventura, asegura. Porén, a Xunta abriu tres liñas de apoio ao retorno; unha destinada a emprendemento para persoas que regresen do estranxeiro, bolsas de estudos para a mocidade exterior e axudas extraordinarias para familias en situación de maior dificultade.

Tanto En Marea, como PSdeG e BNG manteñen na axenda política a necesidade de atallar a emigración xuvenil mediante o impulso de iniciativas parlamentares para estimular a creación de emprego e evitar a precariedade de xeito que a mocidade non se vexa na obriga de coller as maletas por falta de oportunidades laborais. Ademais, o BNG lanzou unha proposta específica coñecida como Plan Retorna, que foi rexeitada polo grupo parlamentar do PP, coa que defendía encamiñar 1% do PIB - 90 millóns de euros- a axudas para as empresas galegas contrataren persoas emigradas, cun fondo de alugueiro en vivendas sociais que favorecese a volta ao país e rachar co círculo da emigración cronificada que asola Galiza.