A emerxencia cinexética da Xunta da Galiza podería favorecer a expansión da peste porcina, alerta Adega
A nova emerxencia cinexética decretada pola Xunta da Galiza para permitir a caza indiscriminada do xabaril volve situar o modelo galego de xestión da fauna salvaxe no centro da polémica. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) dega advirte de que, lonxe de controlar a poboación desta especie, esta medida pode incrementar o risco de propagación da peste porcina (PPA) se chega ao país, ao carecer de protocolos de bioseguridade e favorecer prácticas perigosas.
O pasado 17 de outubro, o Goberno galego activou de novo a emerxencia cinexética en 254 concellos —o 83% da superficie do país— coa intención de reducir por vía da caza a presenza do xabaril. Para Adega, a decisión evidencia "improvisación" e "desinterese pola xestión científica da fauna", ademais de ser unha estratexia repetidamente ineficaz. Cada ano abátense arredor de 20.000 xabarís na Galiza, mais a maioría deles non chegan a salas de despece autorizadas e rematan abandonados no monte, sen ningún tipo de control.
A organización ecoloxista salienta que estes animais mortos, accesíbeis para fauna preeira e mesmo para outros xabarís, convértense en auténticas "bombas víricas" capaces de espallar calquera epizootia, incluída a PPA. E advirte de que, tanto ou máis perigosos que estes restos sen controlar, son os desprazamentos dos propios cazadores, que trasladan animais abatidos entre concellos e comarcas practicamente sen supervisión e sen as medidas mínimas de bioseguridade.
Adega lembra que moitas das enfermidades presentes na fauna salvaxe teñen orixe nas prácticas deficientes do sector intensivo: macrogranxas con altas densidades, movementos continuos de animais vivos e manexo pouco rigoroso. "Resulta moi doado responsabilizar a fauna salvaxe dos contaxios, cando en moitos casos a fonte real provén do transporte dos animais e das macrogranxas con altas densidades que padecen malas prácticas de manexo e control zoosanitario", afirman.
A organización considera inevitábel que a PPA chegue á Galiza, mais non pola fauna, senón polos alimentos contaminados —como xa ocorreu en Catalunya— ou polo movemento de animais e persoas entre territorios. E alerta de que, cando isto aconteza, a ausencia de controis e protocolos permitirá unha rápida transmisión cara á fauna salvaxe, retroalimentando o ciclo de contaxio.
Fronte a este escenario, Adega reclama substituír a emerxencia cinexética por un Plan de xestión do xabaril con criterios científicos e medidas estritas de bioseguridade, aplicadas con previsión e avaliación rigorosa. Critica que a Xunta "delegue a xestión da fauna" no colectivo cinexético e insiste en que a caza masiva xerou unha falsa sensación de control, atrasando as actuacións realmente necesarias.
A organización cualifica a emerxencia cinexética decretada pola Xunta de "trampa" que, ademais de non reducir danos, converte o propio Goberno galego nun factor de risco. Adega subliña, aliás, a contradición de que o Executivo tema pola chegada da PPA mentres continúa promovendo a persecución e exterminio do lobo, o principal predador natural do xabaril e clave no equilibrio ecolóxico.