Embarazadas protestan ante o traslado do paridoiro en Ourense: "É absolutamente inconcibíbel e temos que plantarnos ante isto"

Mobilización, esta sexta feira ante o CHUO. (Foto: Nós Diario)
"Estamos falando de que agora mesmo hai un espazo de 500 metros que se vai a reducir a cento e poucos, que non hai auga quente nestas instalacións onde queren mandar o paridoiro, perdemos algo fundamental que é a sala de parto natural cando a maior parte de nais agora mesmo están interesadas no parto natural, pérdese o baño que hai individualizado en cada unha das salas de dilatación e, sobre todo, a bañeira, que sabemos que contribúe ao benestar das mulleres que están a punto de dar a luz", explican a Nós Diario.

Un grupo de mulleres, a maioría delas en situación de embarazo, concentráronse esta sexta feira ante o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para exixir condicións "dignas" durante a súa xestación e en repulsa ao traslado do paridoiro da cidade a unhas instalacións que non consideran adecuadas.

"Estamos falando de que agora mesmo hai un espazo de 500 metros que se vai a reducir a cento e poucos, que non hai auga quente nestas instalacións onde queren mandar o paridoiro, perdemos algo fundamental que é a sala de parto natural cando a maior parte de nais agora mesmo están interesadas no parto natural, pérdese o baño que hai individualizado en cada unha das salas de dilatación e, sobre todo, a bañeira, que sabemos que contribúe ao benestar das mulleres que están a punto de dar a luz", explican a Nós Diario. "É absolutamente inconcibíbel e temos que plantarnos ante isto", salientan.

Ayelén Fonseca ten 24 anos, está embarazada de case 36 semanas e forma parte do colectivo Arrolos de Teta. En declaracións a este xornal, sinala que o traslado que van facer "non é o axeitado, vannos deixar sen sala de parto natural". Destaca que só deixaron pasar a ver as instalación ás sanitarias, e neste sentido, engade que "son catro dilatacións, e nin son dilatacións, son catro boxes con rieles para pór cortinas".

"Os lavadoiros de mans son moi pequenos e hai un aseo sen ducha que teñen que compartir catro persoas", destaca, incidindo en que durante o parto o normal é empregar o baño en todo momento, e en que é algo extremadamente importante para a anestesia. "Non imos ter o baño dispoñíbel, entón non son condicións para poder ter as nosas crianzas", denuncia. "Ademais de que non hai privacidade porque compartimos todo o módulo con cirurxía ambulatoria", acrecenta.

"As matronas fixeron unha queixa directa e a única resposta foi un papel da xerencia dicindo que ían facer unhas dilatacións grandes, o cal non é verdade porque foron velas e corroboraron que non era así", di. "Entón agora o que estamos facendo é unha reclamación masiva metendo escritos para que mude esta situación", engade lembrando que o traslado pretende facerse efectivo a próxima segunda feira.

Ante esta intención por parte da Xerencia da área sanitaria e ante a falta de resposta por parte da Xunta da Galiza, adianta que realizarán unha mobilización "máis grande" para a próxima semana de forma conxunta con outras asociacións como a Marcha Mundial da Mulleres. Fonseca sinala que forma parte dun grupo de máis de 50 mulleres organizadas, case todas embarazadas, e conclúe que "non se van conformar con isto porque non é xusto".

Antía Pousa Pérez, activista da Marcha Mundial das Mulleres, tamén participa desta loita. "Somos nais, as nais tamén estamos inmersas no activismo feminista e temos clarísimo que os coidados teñen que estar no centro e, por suposto, neste momento tan fundamental para a vida dunha muller como é o embarazo", sinala.

"As nais, cando estamos embarazadas, temos que estar só unicamente pendente de nós e das nosas crianzas, de non estar estresadas, de non estar pendente de estar loitando contra unha xerencia, contra unha equipa directiva que do Partido Popular que o que quere seguir facendo é desmantelando os servizos públicos e recortando dereitos das persoas pacientes e fundamentalmente das mulleres", incide.

"As mulleres nunca somos suxeito de atención por parte do Sergas e do Partido Popular. Sabemos que este é un goberno que vai contra a vida en xeral e contra a vida das mulleres non particular. Son inconcibíbeis as condicións nas que van a trasladar o paridoiro", explica. "Somos conscientes de como están as actuais instalacións e de que teñen que ser reformadas, mais teñen que ser reformadas e melloradas", destaca.

"Dinnos que é imposíbel, tamén o dixeron co paridoiro en Verín e vemos que hoxe o paridoiro de Verín é un paridoiro referente, como xa era en aquel momento", salienta. "Entón é hora de baixar as caretas, de pór nomes e apelidos ás persoas que están facendo ese recorte nos dereitos das mulleres", continúa. "O Partido Popular ten que dar a cara e ten que baixar a dar explicacións ás mulleres e ás familias que estamos facendo soporte tamén con elas", conclúe Pousa Pérez.

Será algo "provisional"

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, insistiu esta sexta feira en que o traslado dos servizos do Hospital Materno Infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), incluído o paritorio, será algo "provisional" tras o derrubamento ocorrido a finais de marzo.

A falta de que conclúan as obras de adaptación, previsibelmente este mes de xullo, garantiu que a actividade "se vai a realizar nas máximas condicións de calidade asistencial, tanto en termos de seguridade, como de eficacia, intimidade e humanidade".

Así o afirmou durante unha visita ao Hospital de Verín, ao responder a preguntas dos medios de comunicación sobre as protestas desatadas nos últimos días por parte das mulleres embarazadas e polas queixas doutros colectivos con rescpecto ás condicións do paritorio provisional.