Parlamento

A oposición celebra que a veciñanza gañase "o pulso" á Xunta coa reapertura da sala de partos de Verín

Reclaman responsabilidades ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
O líder da oposición na Galiza, o socialista Gozalo Caballero (Europa Press).
photo_camera O líder da oposición na Galiza, o socialista Gozalo Caballero (Europa Press).

As forzas da oposición no Parlamento da Galiza celebraron onte a rectificación do Goberno de Alberto Núñez Feixoo que deu lugar á reapertura da sala de partos do Hospital Comarcal de Verín, froito dunha "vitoria" da cidadanía, que "conseguiu gañarlle un pulso a Feixoo".

Porén, a oposición reclamou que tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asuman as súas responsabilidades por estes dous meses sen servizo de pediatría en Verín. Mais lonxe de asumir responsabilidades, Almuiña comparecerá esta terza feira na Cámara galega a petición propia para "dar conta das actuacións de mellora nos hospitais comarcais" realizada pola Xunta.

"Vemos que a única forma de reabrir a sala de partos de Verín foi levar a un pediatra desde a Costa da Morte", sinalou a portavoz do Grupo Común da Esquerda Luca Chao, quen censurou "a escusa" do Goberno galego de que "non hai pediatras" para "esconder" que "son os únicos responsábeis da situación" que se dá na sanidade pública con "falta" de profesionais ou a "saturación" dos servizos de emerxencias.

O líder da oposición, o socialista Gonzalo Caballero, tamén incidiu en que "a Consellaría de Sanidade ten que garantir a seguridade" na sala de partos verinesa e pediu que a Xunta explique "o consentimento informado reforzado" ao que se referiu Feixoo que, en palabras de Caballero, "criminaliza os profesionais e mete medo ás mulleres". Sobre este asunto interpelará a deputada de Común da Esquerda Eva Solla ao conselleiro, a quen tamén interrogará sobre "a falla de orzamento" no "plan galego de saúde mental".

Para o BNG isto é "unha conquista da veciñanza da comarca de Monterrei e das profesionais da sanidade pública que defenderon a atención das veciñas". A viceportavoz nacionalista na Cámara, Olalla Rodil, insistiu en que Feixoo "só acerta cando rectifica" e asegurou "non hai propaganda nin mordaza que tape o desmantelamento da sanidade pública". Así mesmo, avanzou que este semana pedirán no Pleno da Cámara a Feixoo "que rectifique e reverta os recortes en sanidade" porque, entre outros datos, criticou que "78 concellos  perderon o servizo de pediatría desde o ano 2004".

Neste sentido, Rodil fixo un chamamento a acudir este domingo á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela, ao que tamén se sumaron en Común da Esquerda.

Comentarios