A vacina específica para Ómicron chegará en setembro: cal é a súa eficacia?

A vacina de Moderna para Ómicron é 2,2 veces máis eficaz que as anteriores, afirma a compañía. (Foto: César Arxina / Europa Press)
A EMA cre que, "como moi tarde", o novo fármaco que ataca directamente as variantes da Covid-19 será aprobada no outono.

O xefe de Estratexia de Ameazas Sanitarias Biolóxicas e Vacinas da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés), Marco Cavalieri, adiantou esta quinta feira en rolda de prensa que o organismo prevé aprobar as vacinas contra a Covid-19 adaptadas a Ómicron e outras variantes o vindeiro mes de setembro.

"A nosa prioridade é garantir que as vacinas contra a Covid-19 adaptadas sexan aprobadas, como moi tarde, en setembro, para que estean listas para o despregamento das novas campañas de vacinación na Unión Europea (UE) no outono", apuntou.

Deste modo, dixo Cavalieri, "os fabricantes poderían axustar as súas liñas de produción" aos tempos que marca a UE na súa estratexia de vacinación.

"Os ensaios clínicos das vacinas adaptadas deben demostrar que son superiores ás actuais vacinas autorizadas da Covid-19 contra Ómicron e outras variantes", engadiu Cavalieri.

Son efectivas as novas vacinas?

O pasado 19 de abril a farmacéutica estadounidense Moderna avanzou que a vacina que está a elaborar adaptada ás variantes Beta, Delta e Ómicron é "2,2 veces" máis efectiva que o fármaco xenérico que se aplicou fronte á Covid-19.

Cando se administrará?

A respecto da inoculación da que sería para boa parte da poboación a cuarta dose, o relatorio de vacinas do Consello Interterritorial de Saúde, decorrido esta cuarta feira, avogou por adiala o máximo posíbel.

En concreto, as persoas expertas apuntaron a finais de 2022 para inoculala, no inverno, cando os virus respiratorios son máis frecuentes, a fin de non ter que administrar daquela unha nova dose de reforzo. Aliás, para entón poderían estar xa no mercado as vacinas específicas contra Ómicron e outras variantes.