A EMA recomenda inocular unha cuarta e unha quinta dose da vacina pola Covid en maiores de 60 anos

Unha persoa recibe a terceira dose da vacina en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
A Axencia Mundial do Medicamento desbotou, cando menos até que non existan "probas epidemiolóxicas claras", a administración da cuarta dose da vacina na poboación menor de sesenta anos que non estea en risco de vulnerabilidade médica.

O Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC) e a Axencia Europea do Medicamento (EMA) apostan por comezar xa coa administración da cuarta dose da vacina xenérica contra a Covid-19 nas persoas maiores de 60 anos, así como nos colectivos vulnerábeis de calquera idade, antes de que cheguen as novas vacinas adaptadas á variante ómicron a partir de setembro, tal e como esta previsto.

"Tendo en conta a situación epidemiolóxica actual e as previsións, é importante utilizar as vacinas actualmente dispoñíbeis agora e non esperar a que as vacinas adaptadas a ómicron estean listas", esgrimen.

Ao fío, lembran que esta cuarta dose podería administrarse "polo menos catro meses despois da anterior, centrándose nas persoas que recibiron un reforzo previo hai máis de 6 meses". "Isto sería especialmente relevante e impactante nos países nos que a onda de BA.4/5 está a comezar ou aínda non alcanzou o seu punto máximo", engaden..

En abril deste ano, a EMA e o ECDC xa recomendaron que as persoas maiores de 80 anos recibisen unha segunda dose de reforzo das vacinas de ARNm. Ambas axencias tamén sinalaron nese momento que se había un "rexurdimento significativo" das infeccións, as persoas de entre 60 e 79 anos e as persoas vulnerábeis de calquera idade deberían recibir unha cuarta dose.

"Dado que actualmente estase producindo unha nova onda en Europa, é importante que as autoridades de saúde pública consideren agora a estes grupos para unha segunda dose de reforzo. Esta nova recomendación prodúcese nun contexto de aumento das taxas de notificación de Covid-19 e das taxas de ingresos e ocupación de hospitais e unidades de coidados intensivos (UCI) en varios países", explican os dous organismos a través dun comunicado.

"Maior risco" de padecer "enfermidade grave"

O ECDC e a EMA argumentan que os maiores de 60 e as persoas vulnerábeis "seguen tendo o maior risco de padecer enfermidade grave". "Os modelos matemáticos suxiren claros beneficios dunha segunda dose de reforzo para protexer as persoas maiores de 60 anos", agregan respecto diso.

En cambio, non apoian que se administre a cuarta dose a traballadores sanitarios ou persoas que traballan en centros de coidados como residencias de maiores, xa que estes organismos consideran que "só ofrece beneficios limitados debido á escasa e rapidamente decrecente protección contra a infección e a transmisión".

Así mesmo, o ECDC e a EMA alegan que "polo momento non hai probas epidemiolóxicas claras" que apoien a administración dunha segunda dose de reforzo en menores de 60 anos, a menos que teñan vulnerabilidades médicas".