Elon Musk busca voluntarios para un ensaio dun implante cerebral

Logo de Neuralink,empresa propiedade de Elon Musk (Foto: Timon / Adobe Stock).
Neuralink, empresa de Musk, obtivo este maio autorización da Administración de Alimentos e Medicamentos dos EUA. (FDA, polas súas siglas en inglés) para realizar eses ensaios clínicos en humanos.

A empresa de dispositivos médicos Neuralink, propiedade de Elon Musk, anunciou que empezou a recrutar voluntarios para un primeiro ensaio clínico dos seus implantes cerebrais en humanos, tras recibir a aprobación dunha xunta de revisión institucional independente e dun centro hospitalario non identificado, onde se realizará a implantación.

Segundo os criterios publicados, para os ensaios, que durarán seis anos, a compañía busca persoas maiores de 22 anos con tetraplexía debida a unha lesión medular ou con esclerose lateral amiotrófica, que leven polo menos un ano nesa condición e dispoñan dun coidador fixo e fiábel.

O implante

O implante, que debería permitir ás persoas con parálises controlar dispositivos externos co pensamento, será inserido nunha zona do cerebro que controla a intención de movemento, tarefa que cumprirá un robot cirúrxico.

Por ese medio, os sinais cerebrais serán transmitidos a unha aplicación que as descodificará, permitindo á persoa controlar, por exemplo, o cursor ou o teclado dun computador.

Neuralink obtivo este maio autorización da Administración de Alimentos e Medicamentos dos EUA. (FDA, polas súas siglas en inglés) para realizar eses ensaios clínicos en humanos.

En xuño, Musk declarou que a súa empresa ten a intención de colocar o primeiro implante a un paciente tetrapléxico ou parapléxico a finais deste ano.