MEDIO AMBIENTE

Elnosa, unha "fábrica de mercurio" eterna en Lourizán?

[Pontevedraviva] Elnosa

Nin as persoas máis escépticas dubidan dos efectos medio ambientais e, polo tanto, para a saúde das persoas que provoca o mercurio en calquera das súas formas, tamén o que se atopa nos procesos produtivos das industrias de transformación. En 2013, unha decisión da Unión Europea fixou decembro de 2017 como data límite para que as cloreiras mudasen a tecnoloxía baseada na electrólise de salmoira con cátodo de mercurio por outra menos contaminante. Elnosa debía mover ficha. E vén de facelo. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 258 de Sermos Galiza.

Hai tres meses, cando o Parlamento de Cantabria acordou por ampla maioría solicitar á Comisión Europea unha prórroga para que Solvay Torrelavega puidese seguir empregando mercurio na produción de cloro, a portuguesa CUF ­–propietarios de Solvay e tamén de Elnosa– viu como se abría unha porta logo duns anos de incerteza e anuncios de feche da fábrica de Lourizán. E non só para Elnosa, senón tamén para as outras empresas que operan no sector e que non adaptaran as súas instalacións á mellor tecnoloxía dispoñíbel, de membrana. Mais esa físgoa foi fechada polo director xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Daniel Calleja, nun informe remitido tamén á Xunta en que rexeitaba calquera alternativa ás empresas que non fixeran os deberes nos catro anos que se lles deu de prazo.

 

Non hai, polo tanto, posibilidade de seguir empregando a tecnoloxía baseada no mercurio e, de feito, tanto os propietarios de Elnosa como a propia Consellaría levan tempo traballando en salvar este atranco, aínda que até o último momento mantiveron as esperanzas de que se concedese unha autorización excepcional. O exemplo de Cantabria botou por terra esas aspiracións. Só así se entende que a parte empresarial non expuxese a situación con claridade ao sindicato que ostenta a maioría no comité de empresa (CCOO) na última xuntanza, onde non se lle trasladaron os plans a respeito da conversión de tecnoloxía.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 258, á venda na loxa e nos quiosques habituais]