Elisa Fernández é impulsora de Argallando

Elisa Fernández: “Se algunha persoa ten unha flor cun recordo especial, intento facer con ela algunha peza”

Fernández comezou a facer pezas para ela mesma e as súas amigas. (Foto: Nós Diario)
Elisa Fernández é unha estudante de Bioloxía en Santiago de Compostela que vive nunha vila do Barco de Valdeorras e que confecciona pendentes e outras pequenas pezas a base de flores prensadas e resina. Baixo o nome de Argallando, conta de Instagram onde pendura as imaxes das súas pezas, vende as súas elaboracións, feitas a man de maneira artesanal, ao tempo que leva a cabo un labor de divulgación botánica para que as persoas interesadas saiban que flores están en cada peza.  

-Por que decidiu darlle inicio a Argallando?

Argallando é un pequeno proxecto co que comecei no verán do ano pasado dunha maneira casual, xa que por internet vin que con resina se podían confeccionar unha gran variedade de pezas moi enxeñosas, xeitosas e de boa calidade. Sobre todo, gustoume moito o feito de que se puidesen encapsular diferentes elementos dentro. Para min, que sempre me chamou bastante a atención todo o relacionado coa natureza, coas flores e as plantas, poder facer xoias como pendentes ou colares con elas parecíame moi interesante. Entón, comecei a recoller pequenas flores e a aplicarlles un proceso de prensado para poder empregalas despois xunto coa resina. Nun principio só facía pezas para min e para o meu círculo máis próximo de amizades. Pero chegou un momento no que xa tiña demasiadas pezas elaboradas e comezaron a recomendarme que buscase a maneira de difundir todo ese traballo para que a xente soubese del. Foi así como creei a conta de Instagram, pois pareceume boa idea e unha maneira visual de dar a coñecer as pezas que elaboro. Ademais, ocorréuseme que podía ser interesante o feito de compaxinar o traballo manual e artesanal co labor de divulgación botánica. Así, a mediados de novembro do ano pasado comecei a tirar fotografías das pezas e a partillalas nas redes. Esa é a historia de Argallando.

-Canto tempo lle leva aproximadamente elaborar cada unha das pezas?

Depende un pouco de como sexa cada peza, pero podería dicir que máis ou menos, tendo en conta toda a cadea de traballo que vai desde a recolección das flores até o deseño e confección final das pezas, pasando polo prensado das propias flores e demais, cada peza ten un proceso de elaboración de dúas ou tres semanas. Como xa dixen, ao final depende un pouco da peza que sexa. 

-E que tipos de peza distintos confecciona?

Fago pendentes, colares, chaveiros... De cara a estes próximos meses tamén estou pensando nalgunha novidade que quizais chegue ao proxecto, aínda que como non teño a idea totalmente clara na cabeza, prefiro non adiantar nada polo de agora. Ademais de facer estas pezas, tamén recollo e acepto suxestións das clientas que me falan, tanto nas pezas como nas flores empregadas. Por exemplo, se algunha persoa ten unha flor que lle trae á memoria un recordo especial, ou simplemente unha flor que quere conservar polo motivo que sexa, intento facer algunha peza con esa flor en específico.

-Teñen boa acollida as pezas artesanais confeccionadas con resina? 

Polo menos no meu caso penso que si, a verdade. Nun principio non tiña demasiado claro até onde podía chegar Argallando. Comecei a subir fotografías das pezas sen estar demasiado confiada, pero coa idea de ensinalas e que a xente puidese velas e coñecese o meu traballo. Por iso non esperaba a resposta tan positiva que recibín, e sobre todo a cantidade de seguidoras que gañei en tan pouco tempo. Non pensei que fose chegar a esa cifra. Superou totalmente as miñas expectativas.

-Falaba antes de que, a maiores da confección de pezas, tamén leva a cabo un labor de divulgación botánica.

Gústame levar a cabo o proceso de identificación das flores. Como son eu mesma quen as recolle, hai veces que non as recoñezo de primeiras. Entón, unha vez xa as teño recollidas, identifico aquelas das que non sei o nome para que a xente poida saber cal é a flor da peza en cuestión que están vendo en cada momento. Tamén teño algunha publicación divulgativa na conta de Instagram falando sobre algún tema relacionado.