Eliminan un punto de vertedura de augas residuais cara á ría de Vigo no municipio de Redondela

Vista xeral da localidade de Redondela (Foto: Adrián Estévez).
As mostras efectuadas na zona reflectiron un grao de depuración insuficiente para alcanzar os valores de calidade exixidos para a súa vertedura cara ao dominio público.

A Xunta da Galiza eliminou un punto de vertedura de augas residuais urbanas na parroquia do Viso, no municipio de Redondela (comarca de Vigo), cara á ría de Vigo

A vertedura foi localizada, explican nun comunicado, no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Verteduras, dependente de Augas da Galiza, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa, de competencia galega.

Os técnicos da Xunta desprazados á zona localizaron a orixe da afección nun sistema de recollida e tratamento de augas residuais asimilábeis a urbanas en Soutoxuste, cuxo afluente se vertía cara a un regato que desemboca na ría de Vigo.

As mostras

As mostras efectuadas na zona reflectiron un grao de depuración insuficiente para alcanzar os valores de calidade exixidos para a súa vertedura cara ao dominio público.

Augas da Galiza comunicou a situación ao Concello de Redondela para que proceda a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.

Nunha nova visita á zona, os técnicos da Xunta verificaron, mediante analíticas no lugar identificado previamente, que as actuacións levadas a cabo para a modificación da liña de depuración municipal permitiron a emenda da vertedura.