Eliminadas as franxas horarias na Fase 2 para a saída de menores de 14 anos e a práctica do deporte

(Arxina)
Publícase no BOE de hoxe, cuarta feira.

O Goberno español eliminou as franxas horarias para a saída de menores de 14 anos á rúa e para a práctica do deporte para aqueles territorios que teñen avanzado a fase 2 do proceso de desconfinamento, como é o caso da Galiza.

Así o recolle unha orde publicada esta mesma cuarta feira no Boletín Oficial do Estado (BOE), que ten efectos inmediatos, e que permitirá saír á rúa para as citadas actividades fóra dos horarios que o Executivo estatal estableceu o pasado 25 de abril.

Para a práctica de deporte individual e paseos, estaban reservadas dúas franxas horarias: de 6.00 a 10.00 e de 20.00 a 23.00. Doutra banda, as saídas de menores de 14 anos quedaban restrinxidas á franxa de 12.00 a 19.00 horas.

Así mesmo, na orde recollida no BOE tamén se eliminan as limitacións no número de veces que se poden realizar estas actividades diariamente.