Entrevista

Elga Molina, directora xeral de Vivenda do Goberno navarro: "En Nafarroa temos 23% de vivenda con protección ou axuda pública"

Elga Molina intervén este 14 de novembro nas xornadas de vivenda da Deputación da Coruña. (Foto: Nós Diario)
A directora xeral de Vivenda do Goberno Foral de Nafarroa, Elga Molina (Tarragona, 1983) está en Compostela para participar nas xornadas sobre crise habitacional organizadas pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. Defende a necesidade de “colaborar co privado con mecanismos e ferramentas” no eido da vivenda e pide aos promotores 
“que asuman beneficios razoábeis e lucro limitado”.

—Cal é a situación do mercado da vivenda en Nafarroa?
Nafarroa ten unha dobre situación, dun lado temos unha zona de Iruña e comarca, en concreto  21 municipios, que temos declarados como mercado tensionado porque a oferta actual de vivenda é insuficiente para atender a demanda de vivendas a prezo asequíbel; e por outro lado temos a realidade de que en Nafarroa hai moitos municipios en risco de despoboamento, tamén teñen problema de falta de vivenda por outras circunstancias pero tamén están nunha situación complicada porque falta vivenda para atender a poboación. Son zonas que precisan máis rehabilitación para poder mobilizar a vivenda.

—Cal é a fórmula para que funcione a colaboración público-privada no sector?
Esta colaboración é fundamental porque na Administración os recursos son finitos e non hai ferramentas nin músculo abondo para facer toda a vivenda que realmente se precisa. É preciso colaborar cos promotores privados e o primeiro é ter os mecanismos que faciliten esta colaboración. Ferramentas fundamentais como poder ceder chan con fórmulas administrativas áxiles, que as licitacións tamén sexan fáciles coa Lei de Contratación, tamén ter os mecanismos de axudas. En Nafarroa imos licitar unha empresa mixta, 50% capital público e 50% capital privado, que para min é a máxima expresión de colaboración entre o privado e o público. Trátase de sumar esforzos para ter un músculo máis que faga vivenda protexida. O promotor privado ten que ser consciente que a Administración só vai traballar con promotores dispostos a ter beneficios razoábeis, entidades con lucro limitado que estean dispostas a investir a longo prazo con seguridade pero sobre todo que ao final o beneficio sexa de menos de dous díxitos. Con esta fórmula en Nafarroa temos 23% de vivenda con algún tipo de protección ou axuda.

—En que medida a Lei de vivenda e a declaración de zona de mercado tensionado de vivenda poden axudar a resolver o problema?
O problema da vivenda é histórico e estrutural, non hai ningunha fórmula máxica. O que hai que facer é usar todas as ferramentas, e a declaración de mercado tensionado permite pór coto ao mercado privado. Non podemos ter un mercado desequilibrado entre os prezos de oferta e demanda, temos que ser capaces de estabilizar os prezos e esta medida ten que evitar que siga medrando o prezo como até agora.

—Medidas da Xunta da Galiza como baixos comerciais convertidos en vivendas e pisos compartidos para menores de 36 anos funcionan?
Converter baixos comerciais en vivendas está ben sempre que garantas que van ser vivendas dignas, non poden ser zulos. Respecto dos pisos compartidos ás veces é unha medida perigosa, está ben sempre que se faga de modo voluntario, non por unha necesidade, porque esa persoa non pode pagar unha vivenda para el só ou súa familia. Unha das consecuencias dos prezos tan elevados é que moitas familias vense obrigadas a compartir vivenda, teñamos claro que iso non é vivenda digna.