A electricidade verde chega aos Ancares da man do párroco

Ramiro Martínez, párroco no concello de Cervantes.

O cura de Cervantes, Ramiro Martínez, contrata o subministro de locais parroquiais en San Román, Donís e O Pandelo coa primeira comercializadora galega de enerxía renovábel. O párroco xestiona os recibos co permiso do Bispado de Lugo e espera rebaixar a factura, inda que confesa que contratou “por amizade”.

Na parte máis oriental do país os novos muíños de vento e os vellos encoros xeran unha porrada de enerxía que se consome moi lonxe. Aquí queda pouca, o subministro da luz é deficiente e a factura igual de cara. Ninguén deu coa forma de meterlle man a iso. A xente máis moza non se resigna, mais fai falta convencer os vellos. Román Besteiro, veciño de San Román de Cervantes, é amigo do cura. Tan amigo que, conta, naceu na súa casa. Román topouse hai anos, non moitos, cunha idea, “unha utopía realizándose”, di. E foi quen de convencer Ramiro, o cura que recorre o concello de misa en misa para que fose el o que dese exemplo. Non hai maior aliado nin empresa máis sólida que a Igrexa. A evanxelización comezou polo párroco.

 

A idea é que se non podes rebaixar a factura nin reducir a pegada da produción nin sequera que che constrúan unha rede decente de abastecemento, o mellor é atacar o sistema desde dentro. Iso pensa Román, de Nosa Enerxía, a primeira comercializadora galega de electricidade de fontes renovábeis, que vai camiño das cincocentas socias e socios en todo o país despois de ter convencido algúns concellos –os últimos, Moaña e Ames– de que a factura verde non so deixa menos pegada ecolóxica, senón que tamén pode resultar máis barata e, quen sabe, mesmo algún día provocar unha revolución que derrube o oligopolio dono dos encoros, dos muíños e das redes de subministro.

 

Román fíxose cooperativista da comercializadora. Pagou cen euros e cambiou o recibo. Un trámite sinxelo, explicoulle a Ramiro, que supón que toda a enerxía que ti gastas vén certificada como verde, é dicir, provén de renovábeis. Ao cura, que ten permiso do Bispado para xestionar as cousas das parroquias de Cervantes, pareceulle ben malia que non entendeu se o cambio serviría para que a luz chegase a todas as igrexas e capelas. “Nalgunhas inda andamos con velas, non seu momento non se puxo a luz e hoxe é moi caro levala. Tamén probamos cun xerador. Non compensa. En xeral, onde a xente quixo electricidade, haina”. 

 

Agora, entre Ramiro e Román acaban de converter a Cervantes no concello galego cun consumo máis respectuoso co medio en proporción á poboación. Son dous socios e máis de media ducia de recibos con Nosa Enerxía, a única compañía que so inxecta renovábeis ao sistema. En realidade, a comercializadora compra e distribúe. A metade da revolución. “Isto vai de boca a orella”, explica Román, que traballa entre Lugo e Cervantes nunha cooperativa agrogandeira -“na que tamén estamos falando da enerxía verde”- e conta que o futuro, a revolución de verdade, está en pechar o ciclo. “Ser produtores da nosa propia enerxía. O potencial témolo. Pero están tirando proveito as grandes compañías. Nun rural coma o noso, onde xa hai a experiencia das comunidades de montes, non debería ser difícil de convencer a xente de, por exemplo, instalar muíños e comercializar a enerxía para o consumo propio e a venda”. 

 

“Eu só tiven que dar un recibo vello e xa eles se encargan”, di Ramiro, que contratou o subministro para pisos nun edificio do Bispado e na reitoral en San Román, un local que ocupa o Centro de Desenvolvemento Rural dos Ancares máis as igrexas no Pandelo e Donís, que estes día case ardeu nun dos lumes. “No meu piso veño pagando uns cincuenta ou sesenta euros cada dous meses. Agora o servizo mellorou moito, pero hai trinta anos, cando eu cheguei aquí, podías pasar días enteiros sen luz. Hoxe pasa de cando en cando. Espero que a esta xente lle vaia ben. Teñen ilusión e é unha aposta valente”, di Ramiro, que inda non cre que chegara o momento de evanxelizar os fieis ao respecto. “O apostolado e o marketing é cousa deles, dos mozos”.

 

“Veremos como vai evolucionando o negocio”, indica Román, “se conseguimos aforros, a xente irase animando. Se nos consolidamos, poderemos comezar a pensar en tirar adiante con proxectos de xeración e mudar de verdade o modelo enerxético”. Nos últimos seis meses, aseguran en Nosa Enerxía, a cooperativa multiplicou por dous os seus socios. Ademais dos concellos, comezan a recibir socios de institucións educativas. Un profesor de economía e un politólogo continúan a recorrer o país espallando a idea. En Cervantes xa teñen quen fale por eles. Quédanlles trescentos e pico concellos máis nos que procurar cómplices diante do enxordecedor discurso das grandes eléctricas.

 

Na imaxe inferior: Ramiro Martínez e Román Besteiro diante da igrexa de San Román de Cervantes.