Eléctricas e eucaliptos ameazan no Xallas o bosque atlántico máis occidental de Europa

Devesa de Anllares (Foto: manuelgago.org)

Adega sinala a “nefasta política de conservación” que pon en perigo a Devesa de Anllares.

 

A Devesa de Anllares, ao pé do Xallas, era un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa e o máis occidental do continente. Unha fraga atlántica de gran riqueza e biodiversidade.

Un espazo privilexiado que, denuncian desde Adega, está a sofrer “as consecuencias da nefasta política de conservación da Xunta”.

Esta organización lembra que a devesa de Anllares “leva décadas sufrindo as consecuencias do esquecemento -intencionado- das institucións. Recortada, fragmentada e agora ameazada polos eucaliptos”, é urxente, indican, a súa protección.

Malia a figurar nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 de 2008 e 2012, “o desleixo das administracións, a cobiza de Ferroatlántica e a presión do eucalipto (con novas talas, pistas, e recentes plantacións...) están a provocar a rápida degradación deste espazo”.

En 2015, afirma Adega, milleiros de metros cadrados de carballeira e bosque de ribeira ao longo dun treito de máis de 2 km de río “foron destruídos polas obras de "modernización" de 3 minicentrais case consecutivas que Ferroatléntica explota no Xallas”.

Daquela, lembran, un informe asinado por investigadores das tres universidades galegas, denunciaba os impactos causados polas obras das minicentrais de Villar-Mir.

Agora, acrecentan, novas plantacións de eucaliptos rodean e penetran cara o corazón da Devesa, “acelerando o reloxo da súa degradación definitiva”.