As eléctricas deixan Galiza ás escuras

Torres de alta tensión.
O paso das borrascas 'Elsa' e 'Fabien' volveron castigar a miles se familias sen luz. Ademais da chuvia e da forza do vento, expertas sinalan a falta de mantemento da rede de distribución eléctrica.

O  inverno chegou a Galiza da man de Fabien, unha borrasca que desde primeira hora da mañá do pasado sábado, 21 de decembro, deixou refachos de vento de até 140 km/h en boa parte do territorio e de máis de 180 km/h na Mariña. Os rexistros foron aumentando co paso das horas, e canda eles, as incidencias, que ao cabo do día mantiñan máis de 60.000 fogares sen luz.

O vento foi o principal responsábel dos cortes na subministración, que chegaron afectar 78.000 fogares en todo o territorio segundo a contas facilitadas por Naturgy, grupo propietario de Unión Fenosa Distribución (UFD), filial que aínda conserva o seu nome orixinal e que se gaba de ser o maior distribuidor de electricidade da Galiza. Na actualidade, dá servizo a máis de 1,5 millóns de puntos de subministración en 286 concellos, a través dunha rede de case 60.000 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión, 80% aéreas, cuxa conservación afecta aos cortes recorrentes durante os temporais.

Unión fenosa Distribución conta cunha rede de case 60.000 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión, 80% aéreas.

O impacto que causou no territorio galego o paso consecutivo de Elsa e Fabien con rachas de vento superiores aos 100 km/h non sorprende a expertos como Xosé Manuel Golpe, consultor en enerxía da Fundación axencia enerxética da Coruña. "Era bastante previsíbel", apunta en conversa con Sermos Galiza, "sobre todo se se coñece o estado da rede de distribución máis próxima ao cidadán que é a baixa e media tensión. O mantemento é nulo, polo tanto, calquera incidencia relacionada coa chuvia ou co vento tradúcese en avaría".

Galiza, unha potencia enerxética abandonada

Golpe cuestiona o desleixamento de Naturgy á hora de garantir aos seus clientes unha calidade óptima do servizo eléctrico. “Galiza representa un dos seus mercados principais, xa que conta co monopolio do territorio por detrás dos pequenos produtores hidroeléctricos”, asociados baixo a denominación de Produtores e Distribuidores da Enerxía de Galiza; "máis de Begasa, en realidade, de Repsol Distribución, que se encarga de darlle subministración á zona da Mariña, de Lugo cidade e da súa contorna.

O experto en enerxía diferencia entre os criterios técnicos e o mantemento da rede que controla Begasa "potente e bastante ben conservada", da que supervisa UFD, cuxas exixencias, di, "son máis laxas aínda que respectan a normativa". Sobre todo, sinala, "a rede de Unión Fenosa Distribución adoece dun bo mantemento. En moitas ocasións, sobre todo en zonas do rural, aquelas liñas con menor número de abonados, o mantemento sempre queda para o final e o investimento é menor".

Xosé Manuel Golpe destaca que a distribuidora non renova os apoios nin o cableado tan a miúdo como debería, nin corta as ramas que poden poñer en risco o servizo "debaixo das liñas ou nas proximidades". con todo, incide, "o inimigo natural na Galiza é o eucalipto. Pola súa altura, pola súa flexibilidade e polas características da súa cortiza exterior, provoca moitas incidencias ao impactar contras liñas ou simplemente rozar os condutores. Abonda con rozar os 80 km/h".

80% da rede de distribución galega montouse con cartos públicos a partir de varios programas impulsados desde a Xunta de Galiza.

A orografía, a dispersión e a accesibilidade son os argumentos habituais da compañía eléctrica cando se trata de xustificar as avarías e a tardanza das reparacións. "O seu discurso non mudou en 30 anos", critica Golpe, quen lembra que "80% da rede de distribución galega montouse con cartos públicos a partir de varios programas impulsados desde a Xunta de Galiza: plan de electrificación rural, plan de mellora de electrificación rural, liñas de investimento anuais para limpeza e mantemento". O investimento foi moi elevado, afirma, un aforro para as distribuidoras que pagamos todas e que non leva aparellado un servizo de calidade, igual, cando menos, ao capital destinado.

A versión do experto corrobórana membros das brigadas que seguen facéndolles fronte aos problemas de subministración derivados do temporal, despois de catro días. O mantemento é deficitario. Boa parte do seu tempo vaise en reparar avarías, manteñen. "As marxes de 12 metros nas liñas de alta e media tensión non sempre son suficientes para evitar danos e moitos propietarios non nos deixan acceder para realizar traballos de tala e poda selectiva cando non houbo expropiación nin hai convenio". Ademais, explican, o investimento que a empresa podería dedicar ao soterramento de boa parte do tendido aéreo que cumpre as condicións, non dá chegado. Aí está a clave, coinciden, nunha xestión ordenada baseada no mantemento e na renovación da rede de distribución, que non se dá.

Moitos propietarios non nos deixan acceder para realizar traballos de tala e poda selectiva cando non houbo expropiación nin hai convenio.

Porque a orografía é coñecida, as dificultades de acceso tamén, e o impacto do vento, previsíbel. A responsabilidade é das eléctricas, mais da Dirección Xeral de  Enerxía e Minas, da Xunta, con capacidade para actuar de facto en caso de neglixencia.

De momento non se anunciou apertura de ningún expediente , e desde Naturgy defenden unha xestión eficiente: da masa forestal nos corredores eléctricos, ao longo de todo o ano, mediante imaxes satélites; e puntual en datas de avarías, coma estas, con máis de 600 persoas mobilizadas, máis de 170 vehículos, 130 grupos electróxenos e dous helicópteros destinados ás zonas montañosas do interior.

Usuarias denuncian falta de atención

Ás molestias de non ter luz na casa durante máis dunha noite, os apagamentos rexistrados ao longo da pasada fin de semana por mor do impacto do vento deixa outras evidencias, ademais dunha imaxe desoladora, sobre todo da Galiza rural, despoboada e envellecida, sumida nunha escuridade absoluta.

Entre esas certezas, o servizo de atención deficiente da compañía con maior número de usuarias no país. Ás denuncias puntuais de persoas que non lograron poñerse en contacto co servizo de atención ao cliente de Naturgy, e que critican que as dirixisen a un número de pagamento para poder dar aviso dunha avaría, súmanse as das administracións locais, como a de Cambre, que denuncia "unha falta de atencióncontinuada durante 24 horas".

Tempo de interrupción 

A maiores, Fabien deixa á vista outro dos valores que mellor definen a calidade eléctrica, o TIEPI, o tempo de interrupción equivalente da potencia instalada (máis de 11.000 Mw). En 2016 era de 74 minutos por cada residente na Galiza. En 2018 baixou até os 46 minutos, un tempo que se reparte de forma desigual entre os habitantes do rural e os das cidades, asegura a comunidade experta.

"A configuración da rede no medio máis urbano é moi diferente da que se pode ver zas zonas rurais, onde os índices de TIEPI son significativamente máis altos", apunta Xosé Manuel Golpe, cunha diferenza que pode ser de até 20 puntos segundo os últimos informes publicados polo Instituto Galego de Enerxía (INEGA).Galiza é unha potencia eléctrica, con capacidade para xerar (10% do total do Estado), transformar e exportar  enerxía (até un tercio do total) que non impide unha gran demora no tempo de reacción.