El Jueves mete o investimento do Sergas nas nóminas de cregos no saco dos desbaldimentos

El Jueves recolle a información publicada por Sermos Galiza no seu semanario número 32


O desembolso de 800 mil euros anuais que a consellaría de Sanidade fai para pagar as nóminas dos 53 capeláns que prestan asistencia relixiosa nos hospitais públicos e concertados do País chegou ás páxinas de El Jueves.

A información publicada no número 32 do semanario Sermos Galiza é unha das catro que compoñen a sección 'El rincón del despilfarro', que a revista satírica dedica cada semana a destacar os investimentos de diñeiro máis rechamantes de que se ten noticia por parte das distintas administracións públicas.

Así, o gasto do Sergas en relixiosos, acompañado dun cuadriño en que o cura receita @ paciente unha bóla de rosario cada sete horas, aparece recollido canda a creación dun consello asesor por parte do Goberno español para decidir cantos consellos elimina; o gasto de tres millóns de euros por parte do Ministerio de defensa para dispor de seguridade privada nos hospitais militares; e o empréstito que o Executivo de Aznar fixera á empresa arxentina de Bárcenas, por valor de 18 millóns de dólares.