O Eixo Atlántico propón un cento de medidas para facer fronte ao cambio climático nos seus municipios
O Eixo Atlántico vén de presentar a Estratexia para a mitigación e adaptación ao cambio climático: metabolismo urbano e biodiversidade, unha folla de ruta con accións concretas para que os 40 membros da entidade sexan cidades e municipios máis sostíbeis e eficientes.
Con este estudo, explica nun comunicado, o Eixo Atlántico reafirma o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel e o Pacto Verde Europeo. "Nun momento no que o quecemento global xa superou os 1,5 ºC, é importante actuar dende o local".
Coordinado polo ex director da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona e experto en sustentabilidade urbana, Francesc Cárdenas, o informe propón transformar o modelo de cidade apostando por unha xestión máis eficiente dos recursos, a enerxía, a auga e os residuos. O documento centra a súa estratexia en dous conceptos: o metabolismo urbano –como as cidades consomen e xestionan os seus recursos– e a biodiversidade urbana, fundamentais, sinalan, para mellorar a resiliencia climática e a calidade de vida.
Un cento de medidas concretas
O informe inclúe 112 accións, que van dende a redución do desperdicio alimentario até o impulso da economía circular, a agricultura urbana, a recuperación de espazos verdes e a educación ambiental.
Este informe forma parte dun proceso de traballo desenvolto entre 2022 e 2024, que deu lugar a tres documentos estratéxicos que puxeron o foco na descarbonización (2022), a transición enerxética (2023) e a mitigación e adaptación ao cambio climático (2024) nos municipios que fan parte do Eixo Atlántico. Así, o conxunto de cidades atinxidas por esta iniciativa achegaron 505 fichas de boas prácticas e experiencias, que se complementan con outras 85 internacionais.
Agora, o Eixo Atlántico traballa na creación dun repositorio que permita reunir e pór a disposición, de forma máis práctica e accesíbel, toda a información xerada durante estes tres anos de traballo, así como os contidos elaborados en etapas anteriores.
Planificación conxunta
No acto de presentación desta nova estratexia, José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, sinalou que se trata "dun dos retos máis urxentes e transcendentais do noso tempo: a loita contra o cambio climático e a transición cara un modelo de desenvolvemento máis sostíbel, máis xusto e máis eficiente". O plan que veñen de presentar, dixo, "é un exemplo claro de cooperación, de planificación conxunta e de compromiso coa sustentabilidade desde o ámbito local".
Nese sentido, Cárdenas puxo como exemplo unha das medidas que levou a cabo a Deputación de Lugo, coa incorporación de cinco vehículos eléctricos á flota da institución, que en vistas do aforro nas emisións e no custo económico, supoñen un aforro que alcanza os 22.000 euros ao ano.
Pola súa parte Xoán Vázquez Mao, secretario Xeral do Eixo Atlántico asegurou que "con este Plan de Descarbonización, o Eixo Atlántico aposta por un modelo de industrialización sostíbel que é a antítese do modelo especulativo e destrutivo co contorno polo que aposta a Xunta da Galiza con industrias como Altri".