As eivas na transparencia condicionan a campaña de vacinación na Galiza

Varias persoas agardan ser vacinadas no Instituto Feiral de Vigo, Ifevi. (Foto: Europa Press).
A Consellaría de Sanidade agarda rematar ao longo do presente mes a administración das dúas doses de vacina a todas as persoas maiores de 80 anos. A vacinación avanza, mais 'Nós Diario' tivo acceso a diferentes testemuños que relatan deficiencias no proceso de citación e na atención ás persoas dependentes.

A Galiza segue avanzando no proceso de inmunización centrando os seus esforzos nun colectivo que a Xunta cualifica de prioritario, as persoas maiores de 80 anos, alén das residencias. Segundo os últimos datos facilitados en rolda de prensa polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, 60% das persoas maiores de 80 recibiron  a primeira dose, e o obxectivo é rematar a administración da segunda entre finais de abril e comezos de maio.

Con todo, o ritmo de vacinación estase a ralentizar na Galiza nas últimas datas. É o oitavo territorio do Estado que aplicou menos primeiras doses ao conxunto da poboación e o undécimo no tocante á pauta completa.

Nós Diario accedeu a diferentes testemuños que expoñen certas deficiencias no proceso de vacinación. Un matrimonio ourensán residente en Compostela foi citado en Ourense malia ter o seu centro de saúde na capital galega. A pesar da imposibilidade do desprazamento, aínda non recibiron noticias a respecto da súa inoculación na área compostelá. Sobre esta problemática, fontes da Atención Primaria salientan "dificultades" para citar persoas en situacións semellantes. "Son vacinados onde teñen a tarxeta sanitaria", limítanse a responder desde o gabinete de comunicación da Consellaría de Sanidade, após preguntar que solucións ofrece o Servizo Galego de Saúde (Sergas) nestes casos.

Outro matrimonio vigués relata tamén a súa experiencia. O home recibiu a vacina de Pfizer no seu centro de saúde; a muller, en cambio, foi inoculada da primeira dose cun vial de Moderna no Hospital Álvaro Cunqueiro. "Os maiores de 80 anos con Moderna son vacinados en hospitais, se son de cidades. Un punto máis de vacinación para axilizar o proceso", xustifica Sanidade. Cómpre salientar que a muller foi citada con menos de 24 horas de antelación, solapándose esta cita con outra que tiña pendente por causas alleas á inoculación.

Este xornal tamén coñeceu o caso dunha persoa dependente maior de 80 anos que reside en Soutomaior, e que aínda non recibiu información sobre onde e cando se lle administrará a primeira dose. A este respecto, desde a xerencia da área sanitaria de Pontevedra apuntan que a vacinación a domicilio para as persoas con problemas de mobilidade aínda non principiou, algo que contradín as fontes da Consellaría consultadas cunha sucinta resposta: "A domicilio xa comezamos vacinar".

Opacidade

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, adiantou a pasada semana a posta en funcionamento na primeira quincena de abril dun "certificado dixital de vacinación" na Galiza, como paso previo ao "pasaporte verde" da Unión Europea. Con todo, a Xunta segue a carecer dun portal de transparencia no que informar a poboación en detalle do ritmo de vacinación en cada área sanitaria, as doses administradas cada día ou o tipo de vacina inoculada: AstraZeneca, Moderna ou Pfizer.

O Goberno galego non prevé, polo de agora, ofrecer eses datos desglosados: "Ofrecemos información puntual en cada rolda de prensa semanal, ás veces dúas roldas por semana. Ademais, o presidente da Xunta tamén informa na rolda de prensa das quintas feiras, logo do Consello da Xunta", argumentan desde a Consellaría.

Neste senso, o enxeñeiro informático e doutor pola Universidade de Vigo Daniel González Peña salienta, en declaracións a Nós Diario, que "outros territorios do Estado si ofrecen datos como o avance por grupos de idade". "Na web do Sergas non aparece máis información que antes de principiar a campaña de vacinación", engade.

González Peña, que no especial Sermos Galiza sobre a pandemia xa se referira á falta de transparencia coas cifras relacionadas coa pandemia, considera positivo para a cidadanía dispor da maior cantidade de datos posíbel, sempre "sen comprometer a privacidade". "Pode ser interesante saber que tipo de vacina se administrou para, por exemplo, determinar posíbeis relacións coa información que recibimos de AstraZeneca, a taxa de rexeitamento destes viais...", explica.