Eis todo o que precisas saber sobre o mundo das parroquias na Galiza

Vivenda abandonada no lugar da Poxa, parroquia de Chouzán no concello de Carballedo. (Foto: Jglamela).
Na actualidade, as parroquias son o modelo que utiliza a Igrexa como modelo administrativo básico.

Galiza é un territorio cunha gran dispersión dos núcleo poboacionais. Esta característica leva sendo unha constante desde a antigüidade e, polo tanto, estabeleceuse un modelo de administración a un nivel moi pequeno.

Na Galiza, as primeiras persoas que se encargaron desta función foron os eclesiásticos. O método utilizado por eles foron as parroquias eclesiásticas.

As parroquias son a figura que adoptou actualmente as antigas ecclesiae. Esta figura nace no século VI, e fai referencia ao espazo rural que rodeaba e se englobaba dentro da diocese.

Tiñan a función de enterrar e bautizar as persoas que vivían neste rural, sen a necesidade dun bispo. Ao contrario que os mosteiros, as ecclesiae, nacen como espazo público e non como un espazo privado e polo tanto, non tiñan un espazo anterior delimitado e tiñan como principal referencia os núcleos de poboación.

Na actualidade, debido a un cambio no modelo, pasou de centrarse nos núcleos poboacionais máis importantes a facelo sobre os lugares principais de culto que non sempre coincidían.

Isto foi unha consecuencia do cambio de asentamento -vila concentrada a diseminación- produto da expansión da agricultura. Foron collendo forza co estabelecemento de figuras como os cotos, o cal permitiu que se estabilizara a estrutura e permanecera no tempo.

Coa diseminación continua da poboación en pequenos grupos de casas e casas illadas coas súas propiedades, e o avance das estruturas eclesiásticas como as freguesías, as parroquias foron gañando protagonismo. Na actualidade, son o modelo que utiliza a Igrexa como modelo administrativo básico.

3.771 parroquias

Galiza, hoxe en día, é o territorio do Estado con máis número de parroquias con 3.771. Estas teñen unha base civil pero baséanse nas eclesiásticas e están de igual modo xerarquizadas. Neste caso, a parroquia é a división administrativa máis pequena, inferior ao concello. O concello que máis parroquias aglutina é Lugo cun total de 55 parroquias, seguido de A Estrada con 51.

Pola contra, temos concellos como a Illa da Arousa, Burela ou Arnoia cunha soa parroquia nos seus límites municipais. Falando de límites, as parroquias varían moito o espazo que ocupan no territorio, e non seguen un patrón concreto, como sucede coa parroquia de Grixalba, que é a máis extensa: con 35 km2 ou a de San Valentín no concello de Fene que é a máis pequena, cunha área de 0,11 km2.

A pesar de que Lugo e A Estrada son os concellos con maior número de parroquias, non son os que maior cantidade de habitantes concentran. O ránking de parroquias con maior densidade de habitantes encóntrase dividido entre o concello da Coruña e o de Vigo.

No concello da Coruña, temos a parroquia de Carballo con 20.155 habitantes en 9 km2; en segundo lugar, xa no concello de Vigo, temos a parroquia de Lavadores con 17.291 habitantes en apenas 6 km2; e en terceiro lugar, Castrelos con 7.897 habitantes en 22 km2.  

Pero a realidade da Galiza tamén está representada por aquelas parroquias que están a piques de desaparecer.

No IGE, unha vez que unha parroquia se deshabita, esta desaparece do Nomenclátor, ferramenta que contabiliza o número de habitantes por entidades colectivas -parroquias- e singulares.

Neste ano, baleiráronse outras tres parroquias de habitantes e, polo tanto, desaparecerán. Isto é unha constante ano tras ano e é un claro indicativo da morte no rural que se está producindo na Galiza.