Eis a guía para poder solicitar os abonos gratuítos de Renfe

Imaxe de arquivo dun tren de Media Distancia. (Foto: Renfe)
Desde o pasado 8 de agosto, as persoas interesadas poden rexistrar os seus datos na páxina web ou nas apps de Renfe para ter acceso ao abono gratuíto.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ditou unha resolución, publicada a pasada quinta feira no Boletín Oficial do Estado (BOE), na que estabelecía as condicións e os pasos a seguir para adquirir o novo abono gratuíto para usuarios de Renfe, aprobado no marco do decreto anticrise elaborado polo Executivo estatal.

Segundo recolle a resolución, as persoas viaxeiras de maneira recorrente en trens de proximidade, Rodalies e Media Distancia Convencional poderán adquirir o novo abono gratuíto a partir desta cuarta feira, co que poderán viaxar nestes trens desde o 1 de setembro até final de ano.

Desde o pasado 8 de agosto, as persoas usuarias poden rexistrarse na páxina web e nas aplicacións de Renfe e Renfe Cercanías para preparar os trámites de cara ao 24 de agosto. As que utilicen normalmente as ferramentas de Renfe xa terán este paso feito, debido a que se trata de rexistrar os datos.

Para a compra do abono, será necesario depositar unha fianza. No caso dos trens de proximidade e Rodalies, a fianza para pagar á hora de adquirir o abono será de 10 euros, preferibelmente por medio de tarxeta bancaria, para que o reembolso poida ser devolto automaticamente a esa tarxeta, sempre e cando a persoa usuaria realizase un mínimo de 16 viaxes.

En caso de non cumprir co número mínimo de viaxes estipulado, a fianza considerarase unha indemnización e non será devolta. Cando a fianza sexa depositada en metálico, a súa devolución deberá solicitarse nos despachos de billetes, oficinas de atención ao cliente ou en calquera outro servizo postventa habilitado para o efecto por Renfe.

Emisión do abono

Para a emisión do abono, gravarase o DNI do usuario ou o teléfono móbil. Ao importe da fianza poderá aplicarse desconto de familia numerosa no caso de cumprir esta condición.

Durante o período de comercialización do novo abono recorrente, suspenderase a venda do resto dos abonos habituais, aínda que aqueles que fosen comprados con anterioridade manterán a vixencia coa que foron adquiridos e poderán utilizarse.

A adquisición do abono realizarase por cada núcleo de proximidade. Recoméndase compralo a través da app Renfe Cercanías: seleccionarase a opción 'abono gratuíto para viaxeiro frecuente' e xerarase un código QR de sete díxitos co que se poderá viaxar, ou ben trocalo nas máquinas para telo en formato físico (só será gratis a primeira vez).

No caso da Media Distancia Convencional, a fianza será de 20 euros. Seleccionaranse as estacións de orixe e destino ás que se viaxará durante estes catro meses e posteriormente formalizarase cada viaxe que se desexe facer en calquera dos medios habituais, aínda que se recomenda o dixital.