No IES Ricardo de Mella

"A igualdade sabe a sal", un proxecto pioneiro no ensino

Imaxe dunha actividade desenvolvida no IES Ricardo de Mella

O IES Ricardo de Mella, en Vigo, é pioneiro á hora de traballar a igualdade nas aulas en colaboración co alumnado e desde diversos enfoques. O presente curso é xa o seu segundo ano dun proxecto innovador e que está a amosar grandes resultados.

O pasado curso 2017/2018, o IES Ricardo de Mella, en Vigo, recibiu dúas novas profesoras que querían traballar a igualdade nas aulas. Para iso, Mayca Rivas e Raquel Martínez solicitaron á Consellaría de Educación un Plan Proxecta, que ten como obxectivo fomentar a innovación educativa en competencias clave como a educación en valores.

 

Conta Mayca Rivas a Sermos Galiza que o planearon como un proxecto integrado que formase parte das actividades das aulas e tivese repercusión en todo o centro. No mes de marzo de 2018 convocaron unha xuntanza á que acudiron 23 alumnos e alumnas, “alumnado da ESO, Bacharelato, ciclos...variado”, di Rivas, “que nos axudaban nos recreos ou mesmo algunhas tardes”. O lema ese curso foi “somos diferentes, sentimos igual”.

Dentro dese “caldo de cultivo”, desde a dirección apostouse na creación dun Plan de Igualdade, do que xurdiu un Observatorio. O organismo está composto por persoal docente e non docente, o que inclúe profesorado, estudantado e familias, co fin de integrar toda a comunidade educativa.  

 

Foi así como este curso 2018/2019, con esas ferramentas previas, o IES aventurouse a realizar un Contrato Programa, que facilita un orzamento para desenvolver o proxecto. O lema elixido este ano foi “A igualdade sabe a sal”, centrado nas mulleres do mundo do mar. “Vigo é unha cidade que está a carón do mar e moito do seu desenvolvemento veu da industria conserveira e dos produtos do mar. Neste sector hai moitísima man de obra feminina invisibilizada, un 80% das traballadoras das conserveiras son mulleres”, defende Rivas.

 

“Este ano estamos intentando traballar a través das horas de titorías da ESO. O material que facemos nas miñas clases, de FP de Administración, pasámosllo ao profesorado da ESO”, conta Mayca Rivas, “ademais contamos con distintas exposicións na entrada do centro que van cambiando”.

 

Entre esas actividades están exposicións como a difundida a semana do 8 de marzo, na que mulleres de diferentes eidos- marítimo, tecnolóxico, xurídico ou empresarial- foron amosadas en constelacións como metáfora da guía da xente do mar; a mostra Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, en colaboración coa Deputación, que amosa fotografías de mulleres da profesión desde 1914; obradoiros da Fundación Redmar, que intenta mandar mulleres a alta mar para

reducir a masculinización nese campo ou unha mesa redonda con Engracia Trillo, directora do instituto marítimo pesqueiro de Vigo; a presidenta da asociación de redeiras de Cangas; María Saínza, científica do oceanográfico de Vigo e Rita Míguez, mariscadora da confraría de Arcade e presidenta da Asociación Nacional de Mulleres do Mundo da Pesca.

 

“O alumnado está a responder moi ben”, apunta Rivas, “”colaboran e participan nos obradoiros e coloquios”. Unha das cuestións que máis lle sorprendeu foi atoparse con que alumnas lle confesaban que vivían situacións de maltrato psicolóxico e control e que se decataron nas actividades desenvolvidas no centro, “todo o investido ten froitos”, manifesta.

 

Ademais, no seu traballo cos centros adscritos de educación primaria, Rivas atopouse con comportamentos sexistas en nenos que non chegan aos dez anos de idade. “Fixemos unha actividade na que un neno e unha nena eran capitán e capitá e tiñan que guiar o resto, para amosarlles que era posíbel ter tanto xefes como xefas. Un neno de terceiro de primaria contestounos que as mulleres non valemos para nada”, relata, “o meu alumnado, que dirixe eses xogos, estase a decatar de que existe un problema real”.

 

Outros xogos que levan a eses centros consisten, por exemplo, en converter as crianzas en mariscadores por un minuto e á hora de pagarlles darlles tres gominolas ao neno e unha á nena. “Traballamos a fenda salarial. Algunha nena se queixa, mais hai moitas que non din nada. Hai que conciencialas en que non poden permitir que iso pase”, lamenta Rivas.

 

“Na escola tes unha obriga legal de ensinar en igualdade. Non soamente de forma específica, senón de forma transversal, como un reflexo do profesorado. Nas familias é unha obriga moral”, reflexiona Mayca Rivas, “a diferencia entre ambas é que moitas crianzas non teñen a oportunidade nas súas casas, por iso o ideal é que a Anpa forme parte do Observatorio. Familias e centro educativo deberiamos remar na mesma dirección”.  

 

En canto ás demandas de mellora, a profesora láiase de que este traballo “está sendo voluntario e altruísta por parte do profesorado cando debería ser obrigatorio”. As horas e dedicación que invisten nas tarefas do proxecto non son remuneradas xa que non existe ningunha lexislación oficial ou organismo específico en materia de igualdade. “Tes que ter moita sorte coa dirección que che toque. Teñen que darche horas dentro do teu horario lectivo, recursos e un espazo físico”, explica.

 

“Sería preciso unha xefatura ou un departamento como o de Normalización Lingüística. Eu como coordinadora teño unha hora semanal e a miña compañeira, como supervisora, ningunha”, advirte Rivas. Ademais, reivindica que a formación en igualdade sexa obrigatoria para todo o profesorado, non só para o de recente incorporación. “Falta moita sensibilización”, sentencia.

 

Nota: Todas as imaxes son cedidas polo IES Ricardo de Mella