Educadoras sociais piden facer dos centros educativos espazos de “seguridade e confianza”

O acoso nos centros de educación especial redúcese a 3%. (Foto: Nós Diario)

O colexio de profesionais activou unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar a presenza de educadores sociais nas escolas.

O Colexio de Educadores Sociais da Galiza (Ceesg) instou ás autoridades educativas a artellar estratexias para facer dos centros escolares espazos de “seguridade e confianza”.

Con motivo da celebración esta terza feira do Día Internacional contra o acoso escolar, os educadores e as educadoras sociais galegas apelan á necesidade de atacar de maneira transversal un problema sobre o que ven unha maior concienciación cidadá. Por iso, chamaron a afondar nas solucións aos episodios de acoso para afrontalos desde a educación integral, co ánimo de favorecer a prevención, detección e intervención inmediatas.

Apoiar tanto a vítimas como aos propios agresores e agresoras, apostar pola resolución pacífica dos conflitos, reforzar as habilidades sociais e emocionais ou mellorar a comunicación son algunhas das claves que apunta o Ceesg. Así, o colexio de profesionais insta as autoridades a incluír os educadores sociais como axentes de atención na escola para que, desta maneira, os centros conten “cunha figura de referencia e confianza para as crianzas”.

“Desde o Ceesg exiximos un compromiso forte por parte das autoridades educativas, e ofrecémonos no que estea na nosa man, para construír un futuro sen acoso escolar”, conclúe o comunicado emitido esta terza feira, 2 de maio, con motivo do Día Internacional contra o acoso escolar.

Recollida de sinaturas

Tamén con motivo deste día, o Ceesg activou o pasado mes de abril unha campaña virtual de recollida de sinaturas para solicitar á Consellaría de Educación, “unha vez máis”, a incorporación da Educación Social no sistema educativo, “como estratexia para a prevención e intervención destas situacións”.

“A Xunta da Galiza debe configurar a implantación da figura de coordinador ou coordinadora de benestar e protección en todos os centros educativos”, afirman desde o Ceesg.