Ensino

Educadoras sociais e CIG súmanse ás críticas á Xunta polo coordinador de benestar

A Lei de protección integral á infancia crea a figura do coordinador ou coordinadora de benestar para todos os centros de ensino. (Foto: Nós Diario)
A Consellaría de Educación delega no profesorado xa contratado as funcións asignadas a esta nova figura coa que deberán contar todos os centros de ensino.

Medran as críticas ao Goberno galego por mor do regulamento da figura de coordinador ou coordinadora de benestar que a partir de agora, ao abeiro da nova Lei de protección integral á infancia, estará presente en todos os centros educativos. O texto delega nas comunidades autónomas tanto o desenvolvemento das súas funcións como a elección da persoa, permitindo tanto contratar novos profesionais como designando alguén de entre o profesorado xa contratado.

Esta última foi a fórmula pola que optou a Administración galega, perante unha orde publicada no DOG a pasada semana, e xa foi cuestionada primeiro polo Colexio de Traballo Social e agora polo gremio das educadoras sociais e mais o sindicato maioritario no ensino, a CIG. "A persoa será designada pola dirección do centro de entre o profesorado do claustro, preferentemente con destino definitivo, por un período de dous anos, priorizando a súa formación específica, a experiencia, o interese e a dispoñibilidade horaria", dispón o texto.

As educadoras sociais reivindícanse como as profesionais máis acaídas para o cargo

Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza (Ceesg) denuncian esta terza feira, a través dun comunicado e seguindo a liña das traballadoras sociais, que a Xunta "non invista" en persoal para un posto no que "a formación en intervención socioeducativa con infancia e adolescentes é fundamental", polo que entenden que deberían ser educadoras e educadores sociais os responsábeis e non o profesorado, o que ven como un "parche" que podería "sobrecargar" o seu traballo.

De forma paralela, o Ceesg tende a man á Administración galega para levar a cabo "proxectos piloto innovadores" que permitan desenvolver "respostas eficaces ás problemáticas actuais nas escolas". Unha oferta que xa trasladaron en reunións previas a unha Consellaría que agora, lamentan, "parece desbotar esta posibilidade, fechando a porta a calquera opción que supoña un investimento económico".

A CIG alerta de funcións "excesivas e duplicadas" para o profesorado

E no que atinxe á sobrecarga apunta tamén, saíndo en defensa do profesorado, a CIG, que cre que as funcións asignadas a quen exerzan de coordinadores "son excesivas e incorren en duplicidades con funcións que neste momento tamén ten asignadas outro profesorado". Entre elas mencionan labores como "coordinar o plan de convivencia e outras funcións que son agora mesmo dos departamentos de Orientación; que no protocolo de risco suicida as figuras de referencia sexan arestora as titoras e titores, orientadores e dirección, ou que no protocolo de protección de datos se afirme que ten que existir unha persoa responsábel en cada centro e nesta orde se incorpora tamén unha responsabilidade relacionada coa protección de datos para a coordinadora de benestar".

O sindicato celebra que a Xunta recuase e recollese finalmente unha redución do horario lectivo, se ben a considera "insuficiente" e aposta por aumentala a tres horas lectivas, "que, obviamente, non poden estar supeditadas ás necesidades do centro, senón que como defendemos para calquera redución horaria por cargos de coordinación didáctica ou dinamización deben ser contemplada para a dotación de todo o profesorado necesario no centro.