Educación e un trato humano feminista piden paso para unha saúde sexual real

Concentración en apoio á xogadora profesional de fútbol, Jennifer Hermoso, o pasado 28 de agosto en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O 4 de setembro conmemórase o Día Mundial da Saúde Sexual. Este ano a xornada xira arredor do consentimento: libre e voluntario, reversíbel, informado, entusiasta e específico.

A Organización Mundial da Saúde define a saúde sexual como un estado de benestar físico, emocional e social relacionado coa sexualidade. Un dereito que a Asociación Mundial para a Saúde Sexual promove en plural. Fala de dereitos sexuais: ao pracer, á autonomía e ao respecto. A sexóloga e especialista en diversidade sexual Nilda Chiaraviglio tamén fala de dereito. "Dereito a que ti, de verdade, sintas pracer na túa vida. Fin", acentúa a sexóloga Hadriana Ordóñez, en conversa con Nós Diario. Para esta activista da educación sexual nas aulas, saúde sexual e sexualidade non son asuntos inabordábeis, mais si complexos.

"Falar de saúde sexual é como falar de felicidade. Exixe unha consciencia moi grande sobre o propio corpo, o desfrute e a dor. Para min saúde sexual é consciencia e busca de pracer máis consciencia e identificación da dor, que é o máis difícil, porque acostumamos a normalizala, a invisibilizala, a patoloxizala".

Descontaminar o gusto

Ordóñez identifica sexualidade e gusto. "A sexualidade é a capacidade que tes ti para sentir pracer", unha capacidade reprimida pola "norma social" e o sistema no que vivimos, que acaba por "contaminar o gusto". 

Puri Leal, presidenta da Asociación Galega de Sexoloxía (Sogasex) sinala todas as crenzas e experiencias previas, compartidas, que nos levan a pensar e a sentir dunha maneira determinada, a visibilizar determinados comportamentos e a ocultar outros. Fala dunha "narrativa colectiva". "O relato social construído polo patriarcado seguindo un ideario heteronormativo procurou sempre que a saúde sexual se vise como unha realidade única na que só hai unha forma de facer as cousas".

A saúde sexual require un modelo de trato humano e feminista

A presidenta de Sogasex chama a "deconstruír esa 'normalidade', a cultura da violación que impregna e normaliza todo", que reduce a saúde e a educación sexual á prevención de embarazos e enfermidades de transmisión sexual no canto de admitir a diversidade e de aceptar as súas formas de expresión.

"En educación sexual o traballo fundamental é de emocións", advirte Puri Leal, "de ver como acatamos os mandatos de xénero, de discutir sobre como nos relacionamos,  de coñecer o propio corpo, de aprender a nomealo, a recoñecer como se sente en cada encontro, con unha mesma, a identificar o malestar que xera unha situación violenta, a manifestalo e descubrir todas as cargas que iso supón". Mais todo isto, admite, adoita quedar fóra.

Coeducación

Tanto Leal como Ordóñez poñen o foco na coeducación, nunha educación sexual consciente que require a implicación real dos Gobernos e dos seus axentes máis próximos no ámbito do ensino, a sanidade e a xustiza.

"A saúde sexual require un modelo de trato humano e feminista" que poña fin á dor e valide o pracer sexual das mulleres, afirma Hadriana Ordóñez. "Na Galiza, o modelo sexual que impera é o das rapadas. As mulleres aprendemos que se calamos os nosos desexos, sobrevivimos, pero se expresamos unha opinión disidente á norma morremos". Por iso impulsa e reivindica, desde a súa consulta e a escola, unha educación sexual capaz de frear o "exército Rubiales", ese que "cando vas exercer o teu dereito á liberdade sexual che di: non, non; o teu corpo está para min".  

Consentimento

O consentimento, que centrará o Día Mundial da Saúde Sexual, "é a capacidade de expresar verbalmente se estamos a gusto, se queremos ou non iso que esteamos a facer con outra persoa, vestidas ou espidas", explica Ordóñez, quen destaca a o papel chave deste permiso explícito na sexualidade, que marca o límite entre o pracer e a submisión, e que máis aló de ser unha oportunidade de expresión "require de espazos e vínculos seguros".

"Isto vai de poder expresarse e de ter experiencias seguras, pracenteiras e libres de violencia", conclúe Puri Leal, quen defende un espazo propio nas universidades para a saúde sexual, ademais de persoas expertas e orzamento para traballar neste ámbito e exercer unha sexoloxía reparadora que faga visíbel "todo o que fica fóra do aceptábel para a sociedade benpensante".